Maica Larriba subliña en Meis a boa acollida do programa “A Administración cerca de ti”

A subdelegada presentou no municipio do Salnés este programa que en Pontevedra favorecerá a máis de 125.000 habitantes de pequenos concellos
Maica Larriba e Marta Giraldez explicando o programa 'A Administración Cerca de Ti'. CEDIDA
photo_camera Maica Larriba e Marta Giraldez explicando o programa 'A Administración Cerca de Ti'. CEDIDA

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou e fixo balance este mércores en Meis do plan A Administración Cerca de Ti, que está a achegar as ferramentas da administración dixital a 33 concellos da provincia. O Concello de Meis é o 24º concello visitado polo persoal da Subdelegación do Goberno no marco desta iniciativa, enmarcada nas políticas de reto demográfico do Ministerio de Política Territorial en colaboración coa FEMP e que permite avanzar na eliminación da fenda dixital.

Larriba realizou unha valoración “positiva da acollida que está a ter o programa na provincia de Pontevedra”. Amais, destacou que o obxectivo fundamental é “a dixitalización da sociedade e a universalización no acceso aos servizos, con independencia do lugar de residencia de cada cidadán”. Nunha provincia cunha alta taxa de ruralización como Pontevedra, “isto supón unha gran vantaxe, xa que evita que as veciñas e veciños destes Concellos teñan que desprazarse das súas vilas á cidade para realizar diferentes trámites”, explicou a subdelegada.

Na súa visita ao municipio do Salnés supervisou no Centro Multiusos do Mosteiro a sesión deste programa en Meis. Fíxoo acompañada pola alcaldesa do municipio, Marta Giráldez. Alí agradeceu a colaboración dos concellos e dos funcionarios e funcionarias públicas que percorren as vilas de xeito voluntario.

O programa, que beneficia a máis de 125.000 veciños e veciñas dos concellos da provincia de entre 500 e 8.000 habitantes, da a coñecer e facilita o acceso ao catálogo de servizos electrónicos da Administración Xeral do Estado e, en concreto, da Subdelegación do Goberno e Pontevedra.

Asesorar e xestionar

O Plan seguirá agora o calendario elaborado en colaboración cos concellos, que establece que cada semana, funcionarios e funcionarias da Subdelegación se despracen a estas localidades para ensinar ás persoas interesadas a relacionarse coa Administración de forma dixital, resolver dúbidas e tramitar, entre outros, o certificado dixital da FNMT, imprescindible para moitas xestións e que só se pode realizar na presenza física da persoa que o solicita.

Nas próximas semanas os funcionarios e funcionarias da Subdelegación visitarán os dez últimos Concellos enmarcados no Plan: As Neves, Pontecesures, Arbo, Covelo, Agolada, Forcarei, A Illa de Arousa, Soutomaior e Ribadumia.