A Xunta inviste 250.000 euros na 11ª Edición do Programa Integrado de Emprego do Salnés

Este programa, que ten a colaboración de 50 empresas, oriéntase a desempregados dos nove municipios da comarca e pretende mellorar a súa empregabilidade con itinerarios profesionais, cursos de formación e mellora das habilidades laborais

Programa Emprego Salnes 2
photo_camera Imaxe do acto celebrado este venres en Meis. DS

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vén de impulsar unha nova edición, a undécima, do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Mancomunidade do Salnés cun investimento de 250.000 euros e que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade e as oportunidades laborais dun cento de persoas desempregadas da bisbarra.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu na mañá deste venres ao acto de presentación desta iniciativa laboral no auditorio de Meis xunto á presidenta da entidade, Marta Giráldez, e outros alcaldes e representantes da comarca, e animou aos participantes a “aproveitar esta gran oportunidade de formación que, ademais, vén avalada pola calidade da ensinanza e os bos resultados que sempre acada a Mancomunidade nestes proxectos”. 

Neste senso, anunciou que o obxectivo de inserción repite no 45%, xa conseguido o pasado ano ao rexistrarse preto dun 90% de contratos que cumpriron cos parámetros requeridos durante os doce meses de duración, que tamén é a mesma para a iniciativa presentada na xornada de hoxe.

“Estamos ante o mellor PIE de toda Galicia tanto pola súa traxectoria como polo elevado nivel de formación, pero tamén porque se trata do proxecto máis valorado tecnicamente na concesión de axudas autonómicas e polo alto índice de recolocación que sempre se acada, xa que adoita superar o 80%”, manifestou o representante autonómico, que lembrou que a Mancomunidade conseguíu 820 contratos dos participantes nesta década do PIE.

Este novo Programa Integrado de Emprego, que conta coa participación e colaboración de medio cento de empresas da comarca para favorecer as condicións formativas, manterá a mesma dinámica e formato de anos anteriores e centrará a mellora da empregabilidade na realización de itinerarios curriculares, cursos de formación diversos, accións de potenciación das habilidades profesionais e outras medidas laborais.

“Dende a Xunta de Galicia estamos a despregar unha intensa actividade en torno ao emprego e a formación, especialmente na comarca do Salnés que é un lugar da máxima prioridade pola súa importancia, e por iso xa investimos ao longo destes once anos máis de 2,4 millóns de euros para formar a máis dun milleiro de persoas cos PIE da Mancomunidade. Pero a elo tamén debemos engadir as partidas millonarias que adicamos cada ano, tamén nesta bisbarra, aos obradoiros de emprego e os cursos AFD, polo que creo que ofrecemos unha resposta transversal, adaptada ás necesidades das empresas e que dá moi bos resultados”, concluíu o representante autonómico.