Ribadumia acolle a terceira edición da Copa Ribadumia-Clae Viajes benxamín

O torneo disputarase dende o 23 ata o 25 de xuño nas instalacións deportivas da Senra e recibirá a 52 equipos nacionais e internacionais
Copa Ribadumia-Clae Viajes infantil. DS
photo_camera Imaxe da Copa Ribadumia-Clae Viajes en categoría infantil. DS

Esta fin de semana, as instalacións deportivas de A Senra recibirán a diferentes equipos nacionais e internacionais de categoría benxamín para disputar a III Copa Ribadumia-Clae Viajes. Esta competición, que reúne a equipos benxamíns de todo o país e doutros países, é un evento deportivo de gran relevancia que promove a paixón polo fútbol e a competencia sa. Celebrarase dende o 23 ao 25 de xuño en horario de mañá e tarde. 

Xogar a Copa Ribadumia é unha oportunidade única para que os novos talentos demostren as súas destrezas no campo e vivan a experiencia de competir con outros clubs de procedencia nacional e internacional. 

Dentro dos 52 equipos que participarán no escenario futbolístico desta fin de semana pódese destacar a presenza do CD Ribadumia como anfitrión, pero tamén o Celta de Vigo, o Real Betis Balompié, o FC Porto, o FC Dallas, o Fursan Hispania FC e o Sporting Clube de Braga, entre outros. 

As persoas que desexen asistir e gozar da emoción deste evento, poderán adquirir as entradas a un prezo de 8€ quen queira asistir o venres pola tarde, 12€ o sábado ou o domingo e 20€ o abono enteiro. Os nenos e nenas menores de 12 anos poderán acudir de forma gratuíta.