80 equipos daranse cita na Fase Previa AF7 2023 en Ribadumia

O evento deportivo terá lugar os días 6, 7, 8 e 9 de abril ▶ Conxuntos de toda Galicia chegarán ao municipio para xogar e loitar por unha praza na Fase Final que se disputará no mes de maio
Campo de fútbol A Senra en Ribadumia.DS
photo_camera Campo de fútbol A Senra en Ribadumia.DS

Chega unha Semana Santa que promete ser inesquecible no municipio de Ribadumia, pois durante catro días, 80 equipos aterrarán na localidade para participar na Fase Previa do Torneo AF7 2023, da categoría Alevín, na que se xogarán 188 partidos para lograr 4 prazas de acceso á Fase Final, que terá lugar a última fin de semana do mes de maio. 

Desde o 6 ata o 9 de abril, todas as persoas afeccionadas ao fútbol poderán visitar o Campo de Fútbol A Senra e gozar de días completos de fútbol, sendo espectadores de equipos como o CD Ribadumia, Umia CF, o Club Juventud Cambados, EFB Vilanova, San Martín CF, CIOS Vigo, Sporting Cambre, ED Ourense, ACD A Seca, AD Arousa Fútbol 7, e demais entidades futbolísticas de moitos puntos de Galicia. Cada día, os partidos darán comezo desde as 9:00 ata as 14:00h na quenda de mañá. Pola tarde, dará comezo ás 15:30h ata as 22:00h, aproximadamente.

Esta fase está dividida en dúas, sendo a primeira o xoves e venres e, a segunda, o sábado e o domingo. As entradas para o público terán un prezo de 12€ por día completo e 20€ o abono de dous días, sendo gratuíta para todos os menores de 14 anos.

Nesta Fase Previa, AF7 contará coa colaboración de empresas punteiras para que esta semana en Ribadumia se poñan en marcha servizos que melloren o rendemento deportivo e a análise de datos que xeren os futbolistas participantes. Como novidade desta edición, os participantes poderán obter os datos que xere o seu desempeño sobre o terreo de xogo. Mediante un seguimento individualizado, grazas a dispositivos GPS, os participantes terán á súa disposición os datos de tempos de actividade, distancia percorrida, velocidade, mapa de calor e interaccións co balón, entre outras medidas. Este será o mesmo servizo feito cos mesmos colaboradores que ten a ‘Kings League’. Ademais, os xogadores tamén terán a posibilidade de visualizar os seus partidos, pois durante os 4 días estarán sendo gravados e estarán a disposición de todos os clubs participantes. 

Recuperados os niveis de convocatoria prepandemia, e a falta de varios días para que comece a competición, as expectativas de afluencia e impacto económico do evento na comarca son moi altas. O bo tempo tamén acompañará, polo que o movemento de deportistas e visitantes promete ser aínda máis destacable, tendo ademais máis de mil prazas hostaleiras ocupadas por quen nos visitará desde distintos lugares de España e Portugal. 

Desde o Concello de Ribadumia convidan a toda a veciñanza do municipio e arredores, así como a todos os afeccionados ao fútbol, a gozar do fútbol alevín esta Semana Santa no campo da Senra. Este tipo de eventos e accións fomentan a promoción do turismo do municipio e de todo o patrimonio cultural e gastronómico que existe na contorna.