Uxío Labarta: “A Ría de Arousa sálvase con sentido común”

Biólogo, investigador, economista, político e xestor público galego, Labarta adicou a súa vida ao estudo do mexillón
photo_camera Biólogo, investigador, economista, político e xestor público galego, Labarta adicou a súa vida ao estudo do mexillón [VÍDEO: JOSÉ LUIZ OUBIÑA e EDUARDO DE LA PEÑA]
A miña historia
O máis singular da miña vida é que me sinto de tres sitios e vivo noutro. Van 51 anos que teño casa en Vigo. Traballei tempo en Madrid (e en Canadá e Chile). Son nacido en Santiago e recriado entre Santiago, Guitiriz e Noia. Meu pai era farmacéutico e miña nai era mestra; para ser muller de farmacéutico era unha muller que traballaba de mestra e iso nos anos 50 e 60 era algo diferente, tendo catro fillos ademais. O ciclo era: inverno en Santiago, porque había que estudar nas Huérfanas cando eras párvulo e logo na Salle porque eran relixiosos. En Noia pasabamos desde pouco antes do San Xoan ata o 25 de xullo. Logo iamos a Guitiriz e en setembro para Santiago. 

E fas e rematas carreira en Santiago?
Si. Ciencias Biolóxicas era daquela e un día chámame Enrique López Veiga sobre unhas becas para o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). E no ano 79 participo na formación do novo Instituto de Investigacións Pesqueiras e o Institiuto de Investigación Mariñas.

E a túa profesión faite vivir o ritmo do mar.
Estuven traballando en Terranova, no plan pesqueiro de Galicia. Na parte profesional implicaba baixadas á lonxa, ás dúas da mañá, a medir pescada de volanta que traían os volanteiros da Guarda e facer un recorrido que empezaba en Ribadeo e ías embarcando en cinco portos: Muros, Ferrol, Ribeira, Marín e Vigo. 

Cando empezas a traballar nas rías?
A partir do 79 empezo a traballar nas rías. Ese ano, en Sargadelos presentei o modelo da unidade bioeconómica das rías. Era un modelo ecolóxico que buscaba integrar todos os aspectos da explotación das rías. 

Para que servíu?
Serviunos para reinterpretar o ecosistema. Naquel momento estaba en Punta Preguntoiro a depuradora de Luis Losada, un home xeneroso que xa acollera a Parga Pondal e a universidade de Leiden nos anos 60, que fixeron a primeira oceanografía da Ría de Arousa. E despois veu un programa conxunto cos americanos para estudar a ría como un ecosistema. 

E marchas a Madrid.
Cando é o goberno de Felipe González, no 82, chamáronme para montar o gabinete de estudos da presidencia do CSIC e alá fun con 33 anos, a meterme nun barullo fenomenal e disfrutar como nunca na vida. 

Pero regresas a Galicia.
Volvo e empezo a traballar con Alejandro Pérez Camacho, investigador no Instituto de Oceanografía da Coruña. Empezamos a traballar nas rías, moi dedicados desde o punto de vista ecolóxico ao mexillón. 

Por que regresas ás rías?
Era o mar que había que traballar. Era onde estaban as 2.300 bateas e era onde estaba a maior organización.

Lembras cando empeza o teu interese pola bioloxía?
En Guitiriz. Era un mundo máxico. Había catro médicos e dous veterinarios. Un deles tiña un “catro latas” e cando eu tiña uns 16 anos viña a recoller o semen que chegaba de Lugo e o deixaban na farmacia do meu pai, e moitas veces ía con el a inseminar vacas, ou a facerlle cesáreas a porcos, ou a ver como lle rebentaba o estómago a un cabalo que comera herba verde. Aí empeza todo. 

E cando chegas ao Salnés?
Chego ao Salnés cando se vía o helicóptero da Garda Civil alí arriba e a descarga no Regueiro do tabaco. Eso era outro mundo. Logo estaba o mundo das bateas, unha situación de dependencia da fábrica, da conserva, con mercados de fresco moi pouco abertos. Nada que ver co que sucede hoxe onde o 70% da produción vai ao mercado de fresco e o 30% ou 35% ás fábricas (entre outras cousas porque moito ven de Chile). 

Como era ese mundo arousán?
Era un mundo moi galego. Non había diferencias sociais. Podías falar con todo o mundo. 

Pero chegas aquí como técnico, como te vían?
Raro. Si, era un técnico. Foi moi difícil, pero houbo xente que nos axudou moito para que se recoñecera o traballo que faciamos. 

A xente entendía o que faciades?
A xente o entendía, outra cousa é que lles interesase. Unha corda de batea son 12 metros. Calculamos que nas rías galegas hai uns 18 mil millóns de mexillóns colgados. Traballábamos para conseguir mellor rendemento en carne, mellor crecemento. Alugábamos barcos e cordas. Co diñeiro que conseguíamos de investigación, mercábamos 60 cordas dunha batea e esas cordas están marcadas e deixábamos claro que non se tocan nada máis que cando nós digamos, e se non, non cobras.

Como convencestes á xente?
Non quedou máis remedio que sacar o produto que nós tiñamos nas bateas e deixalo un día enteiro no peirao da illa da Arousa para que a xente vise que mexillón faciamos nós e que mexillón facían eles. E de aí nace o que eu penso que é o un dos grandes achádegos dos últimos 20 anos da explotación do mexillón en Galicia que é o mexillón europeo, mal chamado lacasitos, un mexillón que se consume en toda Europa. E eso consíguese a partir desta investigación. 

Tivéchedes críticas?
Critícanche moito. Dixéronos: ‘é que con esto se perde’. Non se perde nada. O que pasa é que sacas dúas colleitas en 18 meses. Da outra forma había moitísimas perdas. Trátase de traballar entre ecoloxía e rendemento económico.

E agora que te xubilas publicas un libro sobre o mexillón con María José Fernández Reiriz, por que?
Pensabamos que era necesario. Porque temos practicamente todo publicado en inglés, pero tiñamos a necesidade de a todo eso darlle forma e poñelo máis asequible. E falamos desde o que son as rías ata o que é a industria do mexillón. 

Que é a Galicia mariñeira?
É a Galicia próspera fronte á miseria da Galicia do interior. 

Pero a Galicia mariñeira non é hoxe tan próspera.
Claro que non é tan próspera. Porque nos esquecemos dela. Decidimos que o mar de Galicia era turístico. E soamente salvamos o viñedo e o mexillón. É brutal. O mexillón ten de media 250 mil toneladas. De peixe fresco en Galicia, que se subasta en lonxa, son 159 mil toneladas. Eso é o que hai. Logo hai outras 800 mil toneladas de conxelado que é o éxito de José Fernández e de Valentín Paz Andrade que conseguiron o desenvolvemento de toda esa Galicia de fóra. Como lle chamo eu: o mar de dentro e o mar de fóra. 

Que pasa logo coas nosas rías?
O meu libro do 84 di que as rías galegas son un gran depósito regulador de marisco. Hoxe producimos berberecho e as catro especies de ameixa. Chegounos nos anos 80 a xaponesa que foi a que salvou o marisqueo ata hai dous anos. Este ano se están salvando porque se lles dá subvención. As políticas marisqueiras serviron para unha cousa: para empoderar ás mulleres mariscadoras. Pero a realidade é que as rías hoxe son turismo.

E non hai marcha atrás?
Non ten marcha atrás porque as cousas non se fixeron ben. O que non pode ser é que teñas que esperar ata o ano 2005 para ter unha depuradora en Vigo. Esto está pasando por todas partes. Lin nalgunha prensa do Salnés que había dous polígonos en Portonovo que pasaran de estar calificados de zonas A e B (pola calidade da auga) a ser C porque siguen sen ter depuradora. 

Cres que a xente está sensibilizada?
A xente sigue vivindo ben do mar. A parte de que hai organizacións de defensa da ría, non teño nada claro que esto sexa unha asunción cidadán.

Como é a xente de Arousa?
Sonche moi distintos. Eu téñoos por parroquias.  Non se che parecen nada un isleño co que convivín tanto tempo, con xente do Cabo de Cruz ou cos mecos do Grove.

E quen es ti?
Eu considérome unha persoa moi afortunada. Conseguín ter un mundo de relacións moi amplo. Sen ser nacionalista, sempre me movín no mundo nacionalista que me enriqueceu moito. Pero unha cousa que me chama a atención é que non hai estudos sobre a dereita en Galicia, e a dereita é hexemónica en Galicia. 

Por que en Galicia todo soa a catástrofe, desde as rías ata o estado da lingua galega?
A miña lingua galega é adquirida. Eu estudei galego pola miña conta. Sempre lles falei as miñas fillas en galego ata os 17 anos. Teño tres netos e o único que me sae é falarlles galego. Pero é certo que cada vez hai menos xente coa que podas falar galego.

Preocúpache?
Os idiomas non hai que preocuparse deles. O que non hai é que andar a jodelos. Ensínalle ben galego a un neno, que disfrute.

Cal é o teu modelo?
Ser tolerantes e deixar que a xente faga a súa opción lingüística dándolles a oportunidade de que a faga ben. 

Que vai pasar coa ría de Arousa?
Pódese salvar se empeza a haber concellos cun pouco de sentido común. Pódese salvar se se fan as necesarias depuradoras. Pero se non, vamos por mal camiño. 

TEST DE VIDA

Unha palabra?
A última que lle ensinei ao meu neto: bolboreta.
Un lugar?
Hai un lugar que me emociona: o Tremuzo. Era o monte que eu miraba en Noia. Outro: a Curota. Subir a Curota é ver a Ría de Arousa.
Unha persoa?
Posiblemente dúas: Melo de Vilagarcía e outro amigo que era un coronel da Garda Civil.
Unha personaxe?
Isaac Díaz Pardo. 
Alguén imprescindible?
Non creo que haxa ninguén.
Alguén importante?
Non teño xente importante. Teño xente á que quero.
Un obxecto? 
As tartarugas. A miña nai facíame regalos raros. Un dos regalos son tres tartarugas de marfil e outra de ouro e prata. A partir de aí teño unha colección de tartarugas. 
Que é a vida?
Un encontro con xente á que queres.