María Encarnación Lucas Bermejo, nova directora do distrito Sanitario do Salnés

A nova responsable sanitaria, quen substitúe a María Gómez-Reino Garrido, é licenciada en Medicina e especialista en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía
María Encarnación Lucas Bermejo,nova directora do Distrito Sanitario do Salnés. DS
photo_camera María Encarnación Lucas Bermejo,nova directora do Distrito Sanitario do Salnés. DS

O Hospital do Salnés deulle na mañá deste mércores a benvida á nova directora do distrito sanitario arousán, María Encarnación Lucas Bermejo, quen substitúe a María Gómez-Reino Garrido nesta responsabilidade dentro do organigrama directivo da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. O acto de presentación estivo presidido polo xerente, José Flores Arias, e, ademáis, estiveron presentes outros integrantes da directiva.

María Encarnación Lucas Bermejo, nacida en Madrid en 1983, é licenciada en Medicina e Cirurxía Xeral pola Universidade Complutense de Madrid e fixo a especialidade en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela.

 

O seu período de especialización permitiulle adquirir unha alta capacitación profesional, entre a que destaca o manexo médico e o tratamento cirúrxico dos pacientes traumatizados e politraumatizados de alta e baixa enerxía, así como o seu alto grao de formación en subespecialidades como a cirurxía de substitución articular e a cirurxía da man. Durante este mesmo período de formación realizou igualmente actividades investigadoras, comunicacións e publicacións científicas relacionadas coa súa especialidade. 

Profesional con praza fixa no CHUP

Actualmente posúe praza fixa como Facultativo Especialista de Área no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), tras resolverse o último concurso de traslados do Sergas o pasado mes de novembro. Antes conseguira a praza por concurso-oposición no Hospital de Puerto Real (Cádiz), se ben, dende a finalización do MIR, sempre exerceu a súa actividade laboral no CHUP, onde permaneceu en situación de comisión de servizos ata este outono.

Así mesmo, durante a súa experiencia laboral participou na colaboración docente da Universidade de Santiago de Compostela na área de coñecemento de Cirurxía. Tamén destacar o seu interese polo mundo da xestión hospitalaria, inquietude que lle levou á realización do Máster en Xestión Sanitaria e Hospitalaria impartido pola escola de negocios IFFE Business School, e posterior realización de traballo de fin de máster A Oitava Área Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.