Julio Torrado levará unha PNL relativa ao marisqueo ao Parlamento de Galicia

A proposición ten como base o descenso demoledor na última década da produción marisquira da Ría de Arousa
OUBIÑA Marisqueo O Grove, mariscadoras de a pié al lado del Puente de A Toxa
photo_camera Nos últimos anos incrementou o descenso da produción marisqueira da Ría. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa do seu deputado Julio Torrado Quintela e da súa deputada Patricia Otero Rodríguez, a través do seu portavoz e ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta ante esa Mesa a proposición non de lei en Comisión 8.ª, Pesca e Marisqueo, na que expoñen que a produción marisqueira da Ría de Arousa, "a mellor do mundo neste aspecto, ven amosando un descenso demoledor na última década e acentúase nos últimos anos". Aseguran que neste 2022, varios conxuntos de colectivos dependentes da actividade marisqueira, entre os que se encontran confrarías, mariscadoras, bateeiros e grupos ecoloxistas, alertaron dunha baixada xeral en todas as especies, que pode superar o 70% nalgunhas delas como ameixa ou berberecho.

Ante este escenario, os colectivos dependentes do mar demandaron medidas de rexeneración da ría e o afrontamento serio e decidido por parte do Goberno de Galicia, a través da Consellería do Mar, para estudar con profundidade e ser quen de saber o que realmente está a ocorrer. Durante os últimos anos estes colectivos veñen apuntando á necesidade de rexenerar os espazos de marisqueo, propoñendo dragaxes da ría para solucionar os problemas derivados da acumulación de area na saída do río e modificar as correntes que prexudican ás especies.

Máis alá destas propostas, aseguran dende o Grupo Parlamentario, non existen tampouco explicacións nítidas por parte da Consellería do Mar que permitan ter unha posición de referencia para coñecer as medidas necesarias e poder afrontar solucións con garantías. "O Parlamento de Galicia ten sido sede de numerosos debates a preguntas e propostas da oposición sobre estas cuestións, nos que o Goberno manifesta a súa percepción de satisfactorio rendemento das rías galegas e, especialmente, no caso da ría da Arousa", afirman. "Esta inconsistencia entre o que apunta o sector dependente do marisqueo e o Goberno de Galicia dificulta a posibilidade de encarar as necesidades para a mellora dunha produción que hoxe sitúase en niveis que poñen en perigo a continuidade da actividade".

Por todo isto, o Grupo dos Socialistas de Galicia presenta unha proposición non de lei para o seu debate en Comisión que consiste nos seguintes puntos: realizar un estudo en profundidade sobre as causas da perda de produción marisqueira da ría de Arousa, que inclúa unha valoración de propostas e medidas a tomar que puideran contribuír a mellorar a situación; elaborar un plan de recuperación da produción marisqueira da ría de Arousa baseada nas medidas que sexan propostas; e realizar, de maneira previa, algunhas labores de dragaxe da ría que permitan avaliar o impacto desta actuación para coñecer a súa real influencia sobre a produción marisqueira da ría.