Os centros de saúde de Ribadumia e A Illa acollerán dúas charlas sobre hábitos alimenticios

Ambos coloquios, que se celebrarán entre as 13.00 e as 14.00 horas deste mércores 8 de marzo en Ribadumia e o xoves 9 de marzo en A Illa de Arousa, serán gratuítos e están adaptados a públicos de diferentes idades
Centro de saúde / Centro de salud de Ribadumia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Centro de saúde / Centro de salud de Ribadumia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os centros de Atención Primaria de Ribadumia e A Illa de Arousa acollerán sendas charlas abertas ao público co propósito de amosar a pequenos e maiores a importancia de adquirir bos hábitos alimenticios variados e saudables.

En ditas charlas, que se celebrarán entre as 13 e as 14 horas mañá mércores 8 de marzo en Ribadumia e o xoves 9 na Illa, abordaránse cuestións coma os trastornos do comportamento alimentario, os beneficios das dietas atlántica e mediterránea, os piares dunha alimentación saudable e respectuosa co medio ambiente, a etiquetaxe nutricional dos alimentos, a lactación materna e a alimentación saudable na etapa infantil ou os riscos da “comida lixo” para a saúde, entre outros.

Ambos coloquios serán gratuítos e están adaptados a públicos de diferentes idades, xa que o seu obxectivo é levar a educación nutricional a toda a poboación e concienciar sobre a gran importancia que ten unha correcta alimentación para a saúde, previndo posibles patoloxías futuras.

Repunte do sobrepeso e a obesidade na pandemia

A pediatra Cristina Constenla, a enfermeira Beatriz Crespo e a nutricionista Gloria Sendón porán o foco na pandemia, que supuxo en todo o mundo un repunte do sobrepeso e a obesidade, un problema que se acrecentou tras a crise sanitaria provocada pola Covid-19.

“A obesidade afecta a todos os órganos e sistemas desde a idade pediátrica. O problema está nas dietas ricas en enerxía e baixas en nutrientes” sinalan.

Falta de actividade física e malos hábitos alimenticios

Estas profesionais da Enfermaría, a Nutrición e a Pediatría recalcan que non só hai cada vez máis nenos con obesidade, senón adultos con maior volume de graxa corporal, “isto débese á falta de actividade física e os malos hábitos alimenticios. Ademáis,na nosa experiencia asistencial cotiá acusamos coma o crecente uso de pantallas e tecnoloxías está a aumentar a adiposidade nos nenos”.

Boa alimentación

As charlas sobre hábitos alimenticios saudables porán en perspectiva a relevancia dunha alimentación baseada na consumo de alimentos de tempada, locais, frescos e minimamente procesados, así coma alimentos procedentes de plantas como os vexetais, froitas, patacas, pan e gran, castañas, noves e leguminosas.

Ocupará un papel destacado o consumo de peixe, mariscos, moluscos e crustáceos -ben frescos, ben conxelados ou en conserva-. Tamén se dará un papel fundamental aos lácteos, con especial relevancia dos queixos, as carnes de porco e vacún, con consumo de aceites tanto para o aderezado coma para cociñado.

Como factores influentes no bo desempeño da dieta inciden no papel do momento no que se come e o xeito no que se fai, non só desde o punto de vista da preparación senón tamén de como se goza.

A pediatra Cristina Constenla, a enfermeira Beatriz Crespo e a nutricionista Gloria Sendón lembrarán aos asistentes coma os malos hábitos alimenticios e as dietas erróneas están a poñer en perigo dietas realmente saudables como a atlántica ou a mediterránea. “É o momento para a acción e a aprobación dos estilos de vida atlánticos. Se continuamos afastándonos das dietas tradicionais, os nosos meniños terán unha peor calidade de vida” sinalan.