O Apalpador visitará sete concellos do Salnés co programa 'Nadal en galego'

A tradicional figura realizará pasarrúas xunto ao acordeonista Servando Barreiro e o seu burro Río Lor entre o 19 de decembro e o 4 de xaneiro en Cambados, A Illa, Vilagarcía, Meis, Meaño, Ribadumia e Sanxenxo
 
O Apalpador da Deputación. DP
photo_camera O Apalpador visitará seis concellos da comarca. DP

O Apalpador, a tradicional figura do Nadal na Galiza, visitará este ano 46 concellos da man da Deputación de Pontevedra grazas á octava edición do programa Nadal en Galego. O departamento de Lingua dirixido pola deputada María Ortega concedeu a actuación a todos os municipios que o solicitaron. Na comarca do Salnés pasarase polos concellos de Cambados, A Illa, Vilagarcía, Meis, Meaño, Ribadumia e Sanxenxo.

O número de visitas do Apalpador foi multiplicándose nos últimos exercicios debido ao éxito de público acadado nas actuacións. Nos vindeiros días concretaranse as datas e horarios para cada localidade, que se publicarán na web da Deputación. As primeiras xornadas, entre o 19 e o 22 haberá actividades –pasarrúas ao aire libre ou actuacións en espazos pechados- só pola tarde ao haber aínda clases polas mañás, pero de maneira xeral haberá dous eventos pola mañá e dous pola tarde ata o 4 de xaneiro (salvo os días de Nadal e Aninovo). 

Como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores que fomentará o Apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, coas actuacións e os pasarrúas, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas da provincia.

O programa Nadal en Galego foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse coa mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, O Apalpador representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.