A Xunta aproba os proxectos para mellorar 37 paradas de autobús nas estradas do Salnés

Acondicionaranse 14 paradas en Sanxenxo, 12 en Meis, 4 no Grove, 4 en Cambados e 3 en Meaño
Visita de Luis López a las paradas de autobús de la recta de la Goulla en Meis
photo_camera Visita de Luis López a unha das paradas de autobús na recta da Goulla en Meis. DS

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 37 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas do Salnés.

A publicación no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 15 de marzo, no que tamén foi autorizado o trámite de información pública destas intervencións, que suporán un investimento de máis de 1 millóln de euros

O proxecto relativo á zona oeste de acceso á cidade de Pontevedra abrangue intervencións en 14 paradas en Sanxenxo, 12 en Meis, 4 no Grove, 4 en Cambados e 3 en Meaño.

As obras consistirán na dotación dun equipamento de marquesiña con postes, bancos e apoio isquiático; na mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille; e no incremento da seguridade coa eliminación da vexetación, mellora da visibilidade e da iluminación.

Ademais, os carrís dos apartadoiros configuraranse cunha anchura mínima de tres metros, sendo só inferior nos puntos nos que implique unha importante afección de parcelas ou edificacións. Os bordos dos itinerarios peonís, que terán unha anchura mínima de 1,8 metros, retranquearanse polo menos 35 centímetros respecto ás marcas viarias e, no caso de catro paradas, executaranse os muros de contención necesarios, de altura variable, entre 50 centímetros e 2 metros.

A Xunta prevé licitar as obras nos vindeiros días e convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo trimestre, para comezar os traballos no outono.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.