A Xunta adxudica por 1,8 millóns obras en cinco estradas do Salnés e Pontevedra

Estas intervencións iniciaranse a finais de xullo ou principios de agosto e terán un prazo de execución de nove meses
Autovía do Salnés. DAVID FREIRE/ARQUIVO
photo_camera Autovía do Salnés. DAVID FREIRE/ARQUIVO

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por 1,8 M€ as obras de mellora do firme en cinco estradas autonómicas das comarcas do Salnés e de Pontevedra. Estas intervencións, adxudicadas á empresa Marconsa, movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa, S.L, comezarán a finais de xullo ou principios de agosto.

As actuacións, cun prazo de execución de nove meses, levaranse a cabo nas vías de titularidade da Xunta VG-4.1, VG-4.7, AG-4.1, PO-531 e PO-306 no seu transcurso polos municipios de Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, O Grove, Caldas de Reis, Barro, Meis, Pontevedra e Poio. Concretamente, na VG-4.1, Sanxenxo (AG-4.1)-A Lanzada (PO-308), actuaranse do punto quilométrico 19+400 ao 26+000, no concello de Sanxenxo. 

Na VG-4.7, ou Variante de Vilagarcía, os traballos realizaranse entre o quilómetro 0+000 e o 7+540, nos concellos de Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis.  Na AG-4.1 en Curro, intervirase entre os quilómetros 0+760 e 3+000, discorrendo por Barro e Meis; na estrada PO-531, Pontevedra-Baión, desde o quilómetro 0+000 ao 16+000, nos concellos de Pontevedra, Poio, Barro e Meis; e na PO-316, A Lanzada-Ardia, desde o quilómetro 1+900 ao 4+500, no concello do Grove.

As intervencións consistirán na rehabilitación superficial do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, completado coa reposición de marcas viarias en todo o treito da actuación, colocación de elementos e reposición de captafaros. Ademais, inclúense outras actuacións adicionais, de corrección da rasante en treitos anterior e posterior a algunhas estruturas da vía VG-4.1 situadas nos puntos quilométricos 19+400, 19+600, 19+850 e 20+950.