A Xunta destaca o papel dos empresarios galegos no exterior como embaixadores da marca Galicia

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou na clausura do 'IX Encontro internacional de empresarios galegos no mundo' que se celebrou no Grove
 
Lorenzana durante a súa visita ao Grove. DS
photo_camera Lorenzana durante a súa visita ao Grove. DS

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou este mércores no Grove na clausura do IX Encontro internacional de empresarios galegos no mundo, onde destacou o papel dos empresarios galegos no exterior como embaixadores da Marca Galicia.

Na súa intervención, Lorenzana agradeceu este labor e avogou por que Administración e tecido empresarial sigan traballando xuntos para facer fronte aos retos actuais da transición dixital e enerxética. Neste sentido, ratificou o compromiso da Xunta coa simplificación e axilización administrativa para ofrecer as máximas facilidades.

A conselleira tamén se referiu á internacionalización como parte fundamental da planificación económica do Goberno e lembrou que Galicia vive o seu mellor ciclo exportador, rozando os 30.000 millóns de euros en vendas ao exterior o ano pasado e co mellor cuadrimestre exportador da historia neste 2023. No caso da República Dominicana, país convidado, as exportacións acadaron os 49M€ en 2022 e os 18M€ ata abril deste ano, con 131 empresas operando neste mercado na actualidade.

Explicou que a Comunidade é a sexta con maior achega na industria, que os sectores estratéxicos están facendo un importante traballo no marco dos fondos europeos e que Galicia quere aproveitar ao seu favor os recursos naturais e as enerxías renovables a través da futura Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. Lorenzana asegurou que os esforzos da Xunta están centrados en converter Galicia nun polo de atracción e de exportación de proxectos e de talento.