Samuel Lago repetirá como candidato do PSdeG á alcaldía de Cambados

“Quero ser recordado como bo veciño antes que calquera outra cousa; ser un alcalde que estivo á altura, que acertou máis do que errou e que cando errou tivo a humildade de recoñecelo”, sinalou o alcalde
CAMBADOS PRESENTACIÓN SAMUEL LAGO. CEDIDA
photo_camera O PSdeG presentou a candidatura de Lago nun encontro celebrado este mediodía. CEDIDA

O alcalde de Cambados, Samuel Lago, cartel electoral do PSdeG-PSOE nas próximas Eleccións Municipais do 28 de maio, presentou a súa candidatura nun acto público celebrado xusto a continuación da asemblea local para formalizar a designación. O secretario xeral nacional, David González Formoso, e o secretario xeral provincial, David Regades, non quixeron perderse unha convocatoria que contou coa asistencia de socialistas do concello e da comarca. Lago afirmou que concorre á cita electoral do próximo mes de maio coa aspiración de “deixar un legado en Cambados”.

Diante dun numeroso público, entre o que tamén estaban o alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, e a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, Lago dixo que quere ser recordado antes como bo veciño que como calquera outra cousa. “Quero ser un alcalde que estivo á altura, que acertou máis que errou e que cando errou tivo a humildade de recoñecelo e rectificar. Un que escoitou máis que falou e que pasou tempo coa xente. Un que atendeu ao teléfono”. Ademais tivo palabras de profundo agradecemento para a súa predecesora na Alcaldía, a socialista Fátima Abal, presente no acto.

Quero ser un alcalde que estivo á altura, que acertou más que errou e que cando o fixo, tivo a humildade de recoñecelo e rectificar

Samuel Lago afirmou que o seu principal reto será rachar co bloqueo de Portos de Galicia e afirmou que os espazos públicos senlleiros de Cambados, como a explanada do Mercado, o salón de Peña e o paseo da Calzada “son do pobo e non son nin de Portos, nin de Rueda, nin de Feijoo”. “Quero un Concello por e para a xente e iso comeza por reclamar o que é noso”, engadiu. O candidato socialista non aforrou críticas ao Goberno central, “por moito que sexa do meu partido”, en relación ás disputas con Costas. “Eu son de Cambados antes que do PSOE. Moito antes. A miña xente, antes que o meu carné! Demostreino e seguirei demostrándoo. Isto, a moito orgullo, diferénciame da xente do PP. Ser progresista, ser socialista é estar coa xente e a miña xente é a de Cambados”.


“O mesmo vello PP de sempre”

Na súa presentación fixo balance dos avances durante este último mandato “por un Cambados mellor” e explicou que hai en marcha proxectos para completar o saneamento, reformar a fachada litoral, mellorar o alumeado público, habilitar parques para o lecer da xente nova, novas instalacións deportivas “e algún que outro proxecto innovador que xa explicaremos”. Fronte a iso, engadiu, está a oferta electoral dun PP “que é o mesmo vello PP de sempre. Cambian de cara, pero defenden as mesmas políticas anticuadas e fracasadas. O PP representa un pasado que non pode volver. Temos o exemplo claro co uso partidista das Administracións que gobernan, castigando a Cambados, como fan dende Portos de Galicia”.

Lago díxo sentirse “ilusionado e honrado” por seguir dirixindo o futuro dun Cambados “que non só é un lugar para vir, senón para vivir”. Reivindicou as obras acometidas nas prazas da Xuventude e San Gregorio, e moi pronto a de Fefiñáns, a renovación de rúas, o avance no saneamento, nos parques infantís. Tamén os novos miradoiros e parques de lecer, a xestión da recollida do lixo con máis e mellores colectores, o fomento da compostaxe, o avance na Igualdade e no Turismo (“máis de 400.000 visitantes este verán”), o investimento no mantemento dos centros educativos triplicando o anterior, así como o apoio aos comedores e o plan Madruga. Falou, ademais, do reforzo dos servizos sociais e, finalmente, do empeño por levar “a tripleta de servizos básicos a todo o rural: acceso pavimentado, auga e saneamento”. “Sabemos que queda moito por facer, pero temos gañas, temos ideas e estamos no bo camiño”, concluíu.

Valentín García Formoso puxo en valor a forza do PSdeG-PSOE na comarca de Arousa recalcando que gobernar cinco de nove concellos “é un indicador de calidade”. Ademais apoio a actitude reivindicativa de Samuel Lago diante de Costas do Estado e Portos de Galicia. Pola súa banda, o secretario xeral provincial, David Regades, felicitou a Samuel Lago polo “cambio de estilo en Cambados, que hoxe é un concello onde entran tódolos veciños e veciñas e non só os amigos do alcalde, como pasaba antes”. Regades afirmou que o Partido Socialista está en condicións de avanzar en tódolos concellos arousáns “e en Cambados lograr unha maioría sólida para gobernar e que, ademais, vai ser decisiva para obter o segundo deputado provincial neste partido xudicial”.