A cambadesa Ana Beatriz protagoniza a campaña 'Elas son a forza do Nadal'

Carmela Silva presenta a 4ª edición da campaña xunto ás protagonistas, profesionais do sector lácteo, pesqueiro, marisqueiro, gandeiro, agrícola e vitivinícola
Presentación de la campaña. DP
photo_camera Presentación de la campaña. DP

“Elas son a forza do Nadal”. Con este lema, a Deputación de Pontevedra leva poñendo en marcha desde 2019 a campaña de visibilización do traballo, o esforzo e o valor das mulleres produtoras da provincia, cuxo traballo é imprescindible especialmente nestas datas onde practicamente todos os produtos presentes nas mesas onde se xuntan as familias son froito do seu labor: desde o marisco, ata a carne ou o peixe, como produtoras e tamén como vendedoras nos mercados e prazas de abastos. A presidenta provincial, Carmela Silva, presentou os materiais deste ano acompañada da deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e das protagonistas da campaña, todas elas mulleres do sector primario: Montserrat Areán, María José Tallón, Natalia Rodríguez, Ana Beatriz Amoedo, Nuria Novelle e Leticia Álvarez.

A campaña recolle os testemuños destas 6 mulleres profesionais de diversas áreas dentro do sector: marisqueo, agricultura, sector lácteo, vendedoras en mercados de abastos, sector vitivinícola e tamén turismo mariñeiro. Montserrat Areán, de Rodeiro, leva máis de 20 anos á fronte dunha granxa en Vilafrío. María José Tallón, de Silleda, é propietaria da empresa Trasdeza Natur, que obtivo diversos premios, recoñecementos e selos de calidade pola súa actividade. Natalia Rodríguez, de Baldráns (Tui), está á fronte das Adegas Corisca e é pioneira na recuperación de prácticas de agricultura ecolóxica na D.O. Rías Baixas. Ana Beatriz Amoedo, de Cambados, é horticultora dentro da cooperativa Horsal e tamén en Condes de Albarei. Nuria Novelle, mariscadora de Redondela, é vicepresidenta da agrupación de mariscadoras e confraría San Xoán de Redondela, ademais de presidenta de Amarturmar (asociación de turismo mariñeiro). Leticia Álvarez é peixeira no mercado do Calvario, en Vigo.

As protagonistas da campaña reivindican o valor do sector primario

A horticultora cambadesa Ana Beatriz Amoedo lembrou que “necesitamos máis xente que se una ao rural, a miña xeración é das que intenta coller o seguinte relevo e agardo poder inculcarlle ás miñas fillas que hai outra saída”. Amoedo asegurou que “é un sector duro, aínda que os hai máis, pero vale moito a pena e xa non é o de antes: hai novas técnicas e formas de traballo que se levan ben”. A horticultora animou a “mercar do noso porque o tratamos con moito cariño, dá moita satisfacción ver a calidade do produto a medida que vai medrando”.

María José Tallón, propietaria de Trasdeza Natur, asegurou que a campaña “é unha ferramenta moi importante para poñer en valor o valor do sector primario que moitas veces está desprestixiado malia o seu peso relevante”. Tallón deu os parabéns á Deputación por “promover a igualdade nun sector que segue moi masculinizado no que fai falla dar un chanzo adiante para fixar poboación”.

A adegueira Natalia Rodríguez puxo en valor “o emprendemento feminino no rural, que é impresionante: a forza das mulleres está sacando adiante proxectos moi interesantes e dándolle unha volta ao campo que estaba abandonado e dándolle valor ao rural, apostando pola súa recuperación”. Rodríguez asegurou que “temos unha materia prima estupenda pero que ás veces se valora máis fóra que dentro”, e asegurou que “cómpre atraer a xente ao rural para solucionar o problema de continuidade”.

Montserrat Areán, do sector lácteo, lembrou que “a situación non vai moi ben neste sector, onde custa máis producir o leite do que nos pagan por el”. Areán avogou pola necesidade de que “se valore máis o campo e o sector primario, porque somos quen mantemos o rural vivo”.

A mariscadora Nuria Novelle lembrou que “hai moitas familias que viven destes traballos ás veces moi pouco valorados” e pediu “apoio para que cada unha destas profesións do sector primario teñamos amparo, que nos escoiten porque somos quen ten algo que dicir, e nos acheguen solucións para seguir dándolle vida ao sector primario”. Novelle puxo o foco en como o seu é un traballo “artesanal onde hai que dobrar o lombo, pero que no meu caso me permitiu atopar a maneira de gozar de ser nai”.