A Xunta constata que é viable producir semente de mexillón en criadeiro

O conselleiro do Mar salientou en Vilanova de Arousa que esta alternativa para a obtención de cría permitiría reducir a dependencia do medio natural e que o modelo existente no Centro de Investigacións Mariñas é completamente exportable e replicable

Visita do conselleiro de Mar, Alfonso Villares, ao Centro de Investigacións Mariñas en Vilanova de Arousa. DS
photo_camera Visita do conselleiro de Mar, Alfonso Villares, ao Centro de Investigacións Mariñas en Vilanova de Arousa. DS

O conselleiro de Mar, Alfonso Villares, visitou este sábado as instalacións do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Vilanova de Arousa, onde destacou que o traballo realizado polos seus investigadores permitiu constatar que é viable producir semente de mexillón en criadeiro para o seu posterior traslado ás bateas.

Esta acción contribuirá a reducir a dependencia da extracción de mexilla do medio natural, como xa se puido comprobar coa "entrega en apenas un ano de máis de 11 millóns de unidades de cría a distintos produtores de mexillón da comunidade".

O representante da Xunta puxo en valor que os resultados acadados polo CIMA nos últimos meses fixeron que o interese do sector por este método alternativo de obtención de semente sexa cada vez maior. Neste sentido, Villares comentou que este ano serán nove, e non sete, os bateeiros que colaboren coa investigación, chegando tamén á ría de Pontevedra.

Alfonso Villares tamén destacou que o seguimento realizado da semente encordada demostrou que multiplicou por 30 o seu tamaño nos primeiros 60 días, pasando duns 0,5 a 15,5 milímetros. Outra mostra deses bos resultados é o feito de que en xuño se recolleu a produción de cinco cordas con mexilla procedente do CIMA que xa levaba un ano no medio natural e que se traduciu nun milleiro de quilos brutos, en torno a 52.500 unidades de mexillón de tamaño europeo.

O titular de Mar explicou que a pretensión é contar cunha alternativa de obtención de mexilla á extracción no medio natural, pero que a finalidade non é cubrir o 100% das necesidades senón unha parte dela, reducindo así a presión sobre as rochas e facendo fronte a posibles períodos de escaseza.  

Ademais, o Centro de Investigacións Mariñas participa xunto ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e a Universidade de Vigo nun proxecto para avaliar a presenza de larvas de mexillón no mar para ofrecer a mellor información posible ao sector bateeiro e optimizar o labor de captación das cordas ou doutros elementos colectores de cría.