A Xunta adxudica por máis de 4.7 millóns as obras de mellora da depuradora de Tragove

As melloras comezarán previsiblemente neste outono co fin de que en 2023 se poña á disposición de ambos os dous municipios unha depuradora mellorada e renovada  ▶ Duplicarase a capacidade de tratamento da planta, ampliando a decantación secundaria e incrementando os caudais de recirculación, ademais doutras melloras relacionadas coa obsolescencia de equipos
Depuradora de Tragove. LUIS POLO (AGN)
photo_camera Depuradora de Tragove. LUIS POLO (AGN)

A Xunta adxudicou por máis de 4,7 millóns de euros a mellora da depuradora de Tragove, que beneficiará aos veciños de Cambados e de Vilanova de Arousa.

As obras, que supoñen un investimento total de máis de 5,3 millóns de euros, foron adxudicadas á empresa Extraco, Construccións e Proxectos, S. A., e teñen un prazo de execución de 15 meses. 

A actuación enmárcase no convenio asinado entre a Xunta e os dous municipios citados no mes de novembro para a xestión da depuradora, de titularidade destes municipios, en virtude do cal Augas de Galicia continúa a asumir a xestión desta infraestrutura.

Os traballos iniciaranse previsiblemente este outono, polo que o obxectivo é que en 2023 os veciños de Cambados e de Vilanova dispoñan dunha depuradora mellorada e renovada. 

A intervención permitirá case duplicar a capacidade de tratamento da planta. Entre outras melloras prevese adecuar o tratamento secundario e terciario. Unha vez executados os traballos, o caudal de tratamento secundario e terciario, pasará de 750 m³/h actuais a 1.200 m³/h.

Ampliarase a capacidade de decantación secundaria e incrementaranse os caudais de recirculación, purga e deshidratación de fangos, ademais doutras melloras relacionadas coa obsolescencia de equipos, sistemas e instalacións da actual planta, construída no ano 1993 e que, a pesar das diversas melloras realizadas, precisa dunha actualización.
Procederase ao desmantelamento de equipos obsoletos e demolicións, ademais de nova obra de entrada e canles de tamizado, actuacións no desareador e clasificador de areas, outras reparacións e saneamentos, e a mellora dos reactores biolóxicos. Tamén se executará un novo edificio de entrada, arquetas e novos decantadores, bombeos de fangos e novos edificios de deshidratación, de control e almacén e de soplantes.

Asimesmo, dotarase a depuradora dun sistema de monitorización enerxética, importante tendo en conta a suba da tarifa eléctrica e que este tipo de infraestruturas son claramente dependentes da enerxía. 

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa operativo 2014-2020.

Saneamento de Cambados e de Vilanova

A Xunta complementará estas obras coa mellora do saneamento municipal de Cambados e de Vilanova de Arousa, recollida nun segundo acordo asinado tamén en novembro.

O Goberno galego investirá un total de 6,25 M€ máis en dúas actuacións de mellora do saneamento, que permitirán laminar o caudal que entra na depuradora e resolver as deficiencias no sistema mancomunado de saneamento que comparten estes dous municipios e que ten destino final a depuradora de Tragove.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez vén apoiando aos concellos nas súas competencias e para avanzar no saneamento integral da ría de Arousa, esencial para a pesca, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo, ademais de para o medio ambiente e a saúde pública.