Xurxo Alonso gaña coa obra 'Cartas de Conxo' o XLIX Certame Literario de Vilalba

O escritor faise cun premio de 7.000 euros e a publicación do poemario, que foi elixido por unanimidade entre máis de 30 orixinais

Xurxo Alonso en en Vilagarcía, Cidade de libro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Xurxo Alonso. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O escritor Xurxo Alonso, nado en Buenos Aires e afincado en Vilagarcía de Arousa dende neno, vén de gañar o XLIX Certame Literario do Concello de Vilalba, dotado cunha recompensa económica de 7.000 euros, diploma, flor natural e a publicación da obra, grazas ao poemario Cartas de Conxo (O legado das Távora).

"É unha alegría moi grande, porque ademais é un premio de moita importancia", aseguraba o autor ao outro lado do teléfono, apenas unhas horas despois de facerse público o ditame dun xurado que o escritor recoñecía que o facía sentir "orgulloso", precisamente polo "prestixo" de quen tomou a decisión.

E é que os encargados de valorar os máis de 30 orixinais presentados ao que é o certame máis antigo de Galicia foron o exdirector da Real Academia Española, Darío Villanueva; o catedrático de Historia Ramón Villares; o director do grupo de Radio Principal, Fidel Fernán, e o xornalista Xulio Xiz, que designaban gañador por unanimidade o traballo de Xurxo Alonso. O xurado estivo presidido pola concelleira de Cultura de Vilalba, Tamara García, coa técnica de Cultura, Sonia García, como secretaria.

Cartas de Conxo é un conxunto de poemas que viaxan ata a Guerra Civil, versos nos que o autor reproduce as cartas escritas, e nunca enviadas ao seren interceptadas polas monxas, por dúas mestras que foron recluídas no sanatorio psiquiátrico de Conxo logo de confiscarlles a Garda Civil outras cartas previas que se viron como constitutivas de delito.

Cartaz do certame. EP

A concesión deste premio a Xurxo Alonso, licenciado en Bioloxía e destacado artista multidisciplinar que tamén conta cunha ampla bagaxe no mundo da pintura con máis de 60 exposicións no seu haber, súmase a unha dilatada traxectoria no mundo literario. É autor de nove libros e no seu currículo figuran tamén outros destacados recoñecementos, coma os chairegos certames de poesía Torre de Caldaloba e Díaz Castro, o Leiras Pulpeiro mindoniense, o Francisco Añón de Outes, o Johan Carballeira de Bueu, o Concello de Carral, o Cidade de Ourense,o Avelina Valladares da Estrada ou o Manuel Lueiro Rey de Fornelos de Montes.

Xurxo Alonso sucede a Sue Camaño no Certame Literario do Concello de Vilalba, en cuxa longa lista de gañadores tamén figuran Emma Pedreira, Darío Xohán Cabana, Fiz Vergara Vilariño, Pablo Bouza ou Marica Campo.

A entrega do premio, o día 30 no auditorio
Como xa é tradición, a entrega do premio ao gañador do Certame Literario marca o inicio oficial dos días grandes das festas patronais de San Ramón e Santa María en Vilalba. O acto terá lugar no auditorio municipal o mércores 30, ás 19.00 horas.

Pregón
Na cita tamén será o pregón dos festexos, este ano a cargo da xornalista Marta Gesto.

Os D’Abaixo
A programación da xornada péchase na Praza de Santa María co concerto, ás 22.00 horas, do grupo Os D’Abaixo.