A Illa de Cortegada acolle voluntarios para desenvolver labores medioambientais

As accións desenvólvense esta fin de semana baixo a supervisión de técnicos do Parque Nacional das Illas Atlánticas e constarán da a limpeza de praias e recollida de lixo mariño, a reparación e sinalización de camiños ou a eliminación de especies alóctonas
Vistas da Illa de Cortegada desde o mar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Vistas da Illa de Cortegada desde o mar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Un total de dez persoas estarán esta fin de semana na illa de Cortegada de Carril. O lugar, enmarcado dentro do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas, acolle a estes participantes no programa de voluntariado interxeracional impulsado pola Xunta en espazos naturais galegos, que ten como fin promover o respecto e a protección do patrimonio natural a través de diferentes accións de carácter ambiental.

A actual é a terceira edición desta iniciativa, impulsada de forma conxunta pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería de Política Social e Xuventude. Nesta ocasión ofertáronse 434 prazas, que se esgotaron rapidamente ao igual que nos anos anteriores, unha acollida que reflicte o interese e a implicación cada vez maior da cidadanía por participar neste tipo de accións e achegarse á natureza de modo diferente.

Unha vez na illa e co apoio e supervisión dos técnicos do Parque Nacional en todo momento, os participantes realizarán un amplo abano de actuacións medioambientais entre as que figuran a eliminación de especies alóctonas; a limpeza da praia de Sartaxéns e da súa contorna; a retirada de lixo mariño; a realización de tarefas de mantemento, reparación e adecuación de camiños e sinais, etc. Ademais, tamén está previsto que interveñan no acondicionamento da contorna dunha pequena edificación co fin de poder consolidar o seu uso para depositar e gardar o lixo recollido antes do seu traslado e tratamento fóra da illa.

Na edición deste ano, o Parque Nacional das Illas Atlánticas acollerá oito das 32 accións de voluntariado ambiental programadas, con dúas quendas previstas en cada un dos catro arquipélagos. No caso concreto de Cortegada, outras 10 persoas desenvolverán labores de carácter medioambiental na illa durante a fin de semana do 15 ao 17 de setembro.