Vilagarcía abre este mércores a inscrición para as carrozas das Festas de San Roque

A convocatoria é para rapazada de 5 a 15 anos de idade e ofértanse 42 prazas para tripular tres dos oito vehículos que desfilarán na tradicional batalla de flores o 20 de agosto
Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O Concello de Vilagarcía apoia esta actividade lúdica. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía abre este mércores 26 de xullo o prazo de inscrición para participar nas carrozas do tradicional desfile co que rematarán as festas patronais de San Roque, o domingo 20 de agosto.

A convocatoria para estas 42 prazas destínase a rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 5 e os 15 anos que deberán ir vestidos de acorde coa temática que se lle dea a cada un dos tres vehículos dispoñibles. O prazo de inscrición remata o 7 de agosto.

No desfile tomarán parte un total de oito carrozas, cinco das cales destínanse a outros tantos colectivos sociais e culturais do municipio. Como manda a tradición, a batalla de flores celebrarase a partir das 21.30 horas do último domingo das festas de San Roque, que este ano será o día 20 de agosto.

O formulario para anotarse está dispoñible no taboleiro de anuncios da web municipal www.vilagarcia.gal e na sede electrónica. As solicitudes poden presentarse telematicamente a través deste soporte ou presencialmente no Rexistro Xeral do Concello de luns a venres en horario de 8.30 a 13.45 horas.

A concesión das prazas farase por rigorosa orde de inscrición e, unha vez cubertas as 42 dispoñibles, formarase unha lista de agarda, tamén por orde de anotación, á que se recorrerá en caso de producirse baixas. A lista co nome das persoas admitidas publicarase o día 11 de agosto.