Os nenos de Vilagarcía desfrutarán de dous contacontos grazas á Biblioteca

Trátase dunha actividade dirixida aos nenos e nenas de 3 a 7 anos participantes nos campamentos urbanos de verán e que forma parte do programa 'Ler conta moito'
Foto de arquivo dunha actividade de contacontos. DS
photo_camera Foto de arquivo dunha actividade de contacontos. DS

A Biblioteca Municipal de Vilagarcía continúa coa súa programación de animación á lectura orientada ao público máis novo. No marco do programa Ler conta moito, subvencionado pola Consellería de Cultura, organizaranse dúas sesións de contacontos dirixidas a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 7 anos participantes nos campamentos urbanos de verán municipais.

As actividades terán lugar o día 26 de xullo e o 2 de agosto nas dependencias culturais da rúa Rey Daviña, en ámbolos dous casos a partir das 11.30 horas.

O primeiro dos contacontos correrá da man do grupo de teatro Ghazafelhos e leva por título A máquina do tempo. O obxectivo desta actividade será o de amosar aos cativos a verdadeira historia das distintas civilizacións.

O segundo deles será a obra Maletas viaxeiras, que estará protagonizada pola actriz Sabela Gago e que animará aos nenos e nenas a viaxar coa súa imaxinación.