Vilagarcía porá en marcha este verán travesías en galeón, con 18 delas gratuitas

As rutas realizaranse en fins de semana en horario de tarde e poderán participar un total de 162 persoas
Puerto de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Puerto de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Concellería de Medio Ambiente e o colectivo Rompetimóns volven a colaborar este ano para poñer en marcha unha nova edición do programa de travesías en galeón pola Ría de Arousa. As 18 viaxes programadas levaranse a cabo durante as fins de semana comprendidas entre o 14 de xullo e o 1 de setembro e serán totalmente de balde para os asistentes. O Concello informará nos vindeir os días sobre o procedemento e o medio para realizar a reserva das 162 prazas ofertadas nesta edición.

O exitoso programa turístico e de divulgación etnográfica e medioambiental desenvolverase exclusivamente os sábado e os domingos, con saídas ás 16 e ás 18 horas cada xornada. En cada viaxe poderán tomar parte 9 pasaxeiros e as saídas quedarán supeditadas, en todo caso, ás condicións meteorolóxicas.

Cada travesía terá unha duración aproximada de dúas horas nas que os pasaxeiros poderán gozar da incomparable experiencia de navegar a vela pola privilexiada contorna da Ría de Arousa bordeando a illa de Cortegada e As Malveiras, territorios insulares incluídos no Parque Nacional das Illas Atlánticas. O galeón achegarase ao esteiro de Rianxo para dirixirse posteriormente cara o interior da ría ata chegar á altura da praia das Sinas e regresar a au gas de Vilagarcía.

As rutas turísticas a bordo do galeón Illa de Cortegada son unha iniciativa que se desenvolve mediante a colaboración da Concellería de Medio Ambiente, que promove e financia o programa, e a asociación Rompetimóns, de Carril, que pon a disposición o seu galeón e a tripulación do mesmo.

O programa promovido polo Concello ofrece unha alternativa turística e de ocio que permite aos participantes gozar da experiencia de navegar nunha embarcación tradicional galega e da paisaxe da Ría de Arousa, así como coñecer a riqueza natural e patrimonial da illa de Cortegada, integrada no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. Tamén é un medio para divulgar a riqueza etnográfica dos pobos mariñeiros e das embarcacións tradicionais como as que hai décadas sucaban as augas da Ría.