Vilagarcía acollerá unha charla formativa para as persoas do sector marisqueiro

Na xornada abordaranse as principais tendencias de consumo no eido dos produtos da pesca e o marisqueo, ferramentas para comunicar mellor a misión e valores das empresas e autónomos do sector e cuestións relacionadas co valor engadido 
Jornada de marisqueo en la Ría de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA/ARCHIVO
photo_camera Un grupo de mariscadoras en la Ría de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Consellería do Mar xunto coa Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, ofrecerá formación ao sector marisqueiro de Galicia para achegar aos produtores, autónomos e empresas deste ámbito ferramentas prácticas de márketing e comunicación co fin de impulsar a valorización dos produtos do mar, mellorar a rendibilidade e potenciar a súa excelencia no mercado.

Deste xeito desenvolveranse tres xornadas formativas, unha delas na sede da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, que terá lugar o venres 23 de xuño e unha duración aproximada dunha hora e media.

Trátase dunha formación gratuíta e as persoas interesadas en participar nelas e que desexen máis información poden contactar coa Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra (teléfono: 986 670 103 – correo electrónico: [email protected]).

O encontro desenvolverase en formato charla-coloquio, impartido pola experta de márketing e comunicación pesqueira da Federación Nacional de Asociacións Provinciais de Empresarios Detallistas de Peixes e Produtos Conxelados (Fedepesca), Silvia Gil, e realízanse atendendo á constante evolución dos mercados no ámbito marítimo-pesqueiro e á necesidade dunha actualización permanente das estratexias de márketing e comunicación. Con elas búscase que o sector marisqueiro reflexione sobre o seu papel no ecosistema empresarial e promover que chegue ao seu público obxectivo.