Varela volve pedir á Xunta a colocación dunha marquesina na rúa Ameixeiras

A primeira petición, en xaneiro deste ano, aínda non tivo resposta por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ▶ Coa medida se evitaría que os alumnos teñan que cruzar a moi transitada avenida de Cambados

Rua Ameixeiras. GSV
photo_camera Rua Ameixeiras. GSV

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, vén de enviar unha nova carta á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para que proceda a xeolocalizar unha parada do autobús que cobre a liña Carril-Vilagarcía-Vilaxoán na rúa Ameixeiras nas horas de entrada (8:00 a 8:50 horas) e saída (14:30 horas) do instituto Cotarelo Valledor. A medida xa fóra solicitada con data 13 de xaneiro de 2022, sen que o Concello tivera resposta de ningún tipo, nin sequera de que ía ser estudiada. Nunha recente conversa co delegado territorial da Xunta, a petición foi reiterada, pero tampouco houbo resposta, de aí esa nova misiva oficial á Consellería.

Para o goberno local resulta "totalmente necesario" proceder a habilitar esa parada na rúa Ameixeiras, un punto que xa é utilizado polo resto dos autobuses escolares e na que existe unha marquesiña de autobús. Esa parada xa existiu, pero foi retirada. Coa súa recuperación, insístese, se garantiría a seguridade dos rapaces que acoden ao instituto ao evitar cruzar a avenida de Cambados, unha das de maior tránsito de vehículos de todo o municipio. Cabe lembrar que se trata de rapaces de 12 anos en adiante.

Na actualidade, o único impedimento para que os autobuses que cobren a liña Carril-Vilagarcía-Vilaxoán paren nese punto da rúa Amexeiras é que este non está xeolocalizado, polo que para o goberno de Alberto Varela é ben sinxelo dar solución a unha demanda da comunidade educativa que conta co respaldo do concello. Malia iso, a petición, feita oficialmente en xaneiro, hai xa 11 meses, segue sen resposta por parte da Xunta de Galicia.