Última oportunidade para adquirir os bonos Son da Casa!

Os derradeiros 250 packs póñense á venta este sábado pola mañá na Praza de Galicia 
Moto Bazar é un dos establecementos adscritos a 'Son da Casa!'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Un dos establecementos adheridos a 'Son da Casa!'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

As persoas que aínda non se fixeran cos bonos Son da Casa! dispoñen este sábado da última oportunidade para facelo a través da venta física que se realizará na Praza de Galicia a partir das 11.00 horas e na que se porán a venta os últimos 250 packs dispoñibles. Os restantes lotes emitidos na actual campaña de Nadal (un total de 3.750) esgotáronse nos primeiros sete días. Adiantándose aos acontecementos, a Concellería de Promoción Económica reservara previamente a cantidade necesaria para a venta presencial, garantindo deste xeito que tamén poidan contar cos bonos-compra subvencionados as persoas que non manexan ou carecen de medios tecnolóxicos para compralos online.

A deste ano é a sexta edición dos bonos Son da Casa! e, como nas anteriores, o Concello aporta 37.500 euros para financiala. Isto permite emitir os 3.750 lotes, cada un dos cales a administración local subvenciona con 10 euros. Deste xeito, por tan só 20 euros o cidadán adquire un pack de tickets que lle permite realizar compras por importe de 30.

Os compradores deben ser maiores de idade e presentar o DNI á hora de facer a compra. Cada persoa poderá adquirir un máximo de dous lotes.

As compras poden realizarse en máis de 250 establecementos da cidade correspondentes ao sector comercial, hostalaría e pequenos negocios prestadores de servizos. A lista completa dos locais adheridos á campaña pode consultarse na web sondacasa.vilagar cia.gal e os propios establecementos deben estar identificados cun adhesivo da presente campaña nos seus escaparates. A campaña remata o 16 de xaneiro.