As rúas San Roque e Santa Eulalia, cortadas ao tráfico este mércores para arranxar o firme

Arcebispo Xelmírez cambia provisionalmente de sentido para dirixir a Rodrigo de Mendoza os vehículos procedente da Independencia e de Juan Carlos I 
Estado actual do firme no cruce de San Roque con Santa Eulalia
photo_camera Estado actual do firme no cruce de San Roque con Santa Eulalia

O Concello de Vilagarcía executará o mércores, 21 de febreiro, a reparación do firme na confluencia das rúas San Roque e Santa Eulalia, nas inmediacións da gasolineira. Trátase dun punto neurálxico que rexistra a diario unha elevada intensidade de tráfico rodado, polo que os traballos obrigan a reordenar a circulación non só na área directamente afectada, senón tamén nas vías que conflúen nela. A execución da obra obrigará a pechar ao tráfico rodado nas rúas San Roque e Santa Eulalia e a cambiar o sentido en Arcebispo Xelmírez. Prevese que os traballos se completen o mesmo mércores, co que a circulación volverá á normalidade o xoves.

A reparación do firme no deteriorado cruce da esquina do bar Gasolinera fai necesario actuar en todo o ancho da calzada. En consecuencia, o tramo de saída cara ao instituto Castro Alobre queda inhabilitado, igual que a entrada cara Santa Eulalia. Esta rúa permanecerá pechada ao tráfico no seu primeiro tramo, ata a confluenza coa travesía Arcebispo Xelmírez.

Por outro lado, a rúa San Roque córtase á altura do supermercado Froiz, polo que os vehículos procedentes da zona da Independencia e de Gumersindo Nartallo terán que xirar por Arcebispo Xelmírez -cuxo primeiro tramo cambia de sentido- para desviarse cara Rodrigo de Mendoza a través da travesía Arcebispo Xelmírez.
Nos tramos cortados de San Roque e Santa Eulalia só se permitirán o acceso de automóviles para labores de carga e descarga de negocios ou acceso a garaxes e ao taller de reparación.

Para tratar de reducir o número de vehículos na zona afectada, a Policía Local recomenda que a circulación da avenida Juan Carlos I e Ravella con sentido ás Carolinas se desvíe pola rúa Marxión para evitar a zona de San Roque.