Rematadas as obras na praza do centro social do Ramal e Doutor Carús

Os traballos supuxeron unha inversión de 48.000 euros por parte do concello, cos que se mellorou ambos espazos de estacionamento gratuito
Imaxe da renovada praza de Doutor Carús. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Imaxe da renovada praza de Doutor Carús. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A empresa Galsur Proyectos y Obras vén de dar por finalizado o acondicionamento da Praza Doutor Carús e da praciña situada tras o centro social do Ramal, obra contratada polo Concello para arranxar o deteriorado pavimento destas dúas bolsas de estacionamento gratuíto. Cun investimento de 48.000 euros, os traballos permitiron mellorar o firme e as condicións de tránsito, tanto dos vehículos como dos peóns que fan uso ou circulan por estas zonas, elevando así a seguridade viaria e evitando as molestias que se producían anteriormente debido ás fochas e desniveis do terreo que existían en ámbolas dúas prazas.

Os traballos realizados foron diferentes en cada espazo, atendendo ás características dos mesmos. Como a praciña do Ramal tiña pavimento de terra, a actuación consistiu no nivelado do terreo e posterior estendido dunha base de xabre. Para evitar a acumulación de auga na superficie e a creación dos molestas pozas, instalouse unha canalización para a recollida de pluviais cos correspondentes sumidoiros e arquetas. Finalmente procedeuse a pavimentar a superficie con aglomerado.

No caso da céntrica Praza Doutor Carús, o pavimento xa era de asfalto polo que o procedemento foi distinto. En primeiro lugar levouse a cabo un varrido de todo o firme para retirar as distintas capas de material existentes e deterioradas, nivelar o terreo e preparalo para a pavimentación final. A continuación eleváronse as tapas de rexistro de todos os servizos e, por último, procedeuse ao repitando das prazas de estacionamento e das liñas da sinalización viaria, vaos e pasos de cebra.