O remate das obras da Biblioteca retrásase 15 días máis

O Goberno local argumentou que as condicións meteorolóxicas extremas das últimas semanas obrigaron a aprazar a posta a punto
Obras na futura Biblioteca Municipal de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Obras na futura Biblioteca Municipal de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O goberno local decidiu conceder unha última e excepcional prórroga de 15 días á empresa adxudicataria da construción da nova Biblioteca, unha vez que aquela, Obras Gallaecia, SL, xustificara no mal tempo das últimas dúas semanas a imposibilidade de realizar as actuacións pendentes no exterior do edificio. O arquitecto director da obra, que é externo, non municipal, apoiou a tese da empresa, polo que finalmente o concello tamén decidiu esperar eses 15 días e aceptar o compromiso de Gallaecia de culminar a reforma antes do día 23.

No seu escrito, a empresa argumentou que "la extrema climatología de este último mes han ralentizado el avance de la ejecución y no permiten ejecutar los trabajos exteriores en el tiempo previsto en el proyecto para ello". Engadía que "los fuertes vientos huracanados y las intensas y abundantes lluvias que están afectando desde hace semanas a nuestra Comunidad Autónoma y causan peligrosos desprendimientos, cortes de luz y carreteras cortadas", obrigaron a ter que extremar as precaucións á hora de executar os traballos no exterior "por el importante peligro que implica para los trabajadores". De acordo coa lexislación, Gallaecia entende que se trata de causas alleas á empresa e, polo tanto, non ten responsabilidade no retraso na execución do proxecto. O arquitecto director da obra emitiu ditame favorable á solicitude, de aí o beneplácito do goberno local, que, lamentando este novo retraso, tamén entende que primeiro é a seguridade dos traballadores e mesmo dos viandantes que poderían verse prexudicados no caso de realizar obras durante un temporal.

Xa en xuño a empresa tivera que pedir unha primeira prórroga a causa dos problemas coas subministracións de diversos materiais, algo común a inmensa maioría das obras, públicas e privadas, que se están desenvolvendo na cidade e fóra dela. Esa ampliación de prazo, de tres meses, tería sido suficiente se non fose polo mal tempo das últimas semanas. En todo caso, e malia a prórroga de dúas semanas, Vilagarcía contará coa biblioteca que viñan demandando dende hai anos os seus milleiros de usuarios, despois dun investimento de 1.648.266,21€.