Reinsertan tres tartarugas mariñas no seu hábitat natural tras recuperarse no IGAFA

Na tarde deste martes tivo lugar o embarque dos animais dende o peirao de Vilaxoán para a súa volta ao mar
Ángeles Vázquez e Agustín Reguera coas tartarugas mariñas antes do seu embarque en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Ángeles Vázquez e Agustín Reguera coas tartarugas mariñas antes do seu embarque. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participaron na tarde deste martes no embarque de tres tartarugas mariñas previo á súa reintrodución no medio natural. Unha acción na que colaboraron Medio Ambiente, a Consellería do Mar e a organización CEMMA.

Os animais, que partiron dende o peirao de Vilaxoán, chegaron ás instalacións do Instituto gallego de formación en Acuicultura (IGAFA) entre novembro e decembro, "grazas a esa concienciación que ten a xente do mar e que ou ben se colleron en redes ou as viron e estaban nunha situación non óptima", explicaba Vázquez. 

Iso supuxo que no IGAFA estiveran facendo a recuperación ao longo deste tempo, e despois de coller peso, chegou o turno da solta para que volvan ao seu hábitat natural

Un problema en aumento

Dende os anos 90 ata o 2003, explicaba a conselleira de Medio Ambiente, uns 8.000 exemplares apareceron varados nas costas galegas. O ano 2023 foi especialmente sensible, porque foron unhas 573 especies que por un lado foron analizadas e outras se puideron soltar directamente. "Sobre todo foron golfiños, onde CEMMA xunto con outras organizacións están a ver se se trata dun tema local ou global", sinalaba Vázquez.

"A biodiversidade é un tema de todos, e todos temos que concienciar para seguir mantendo esa saúde nos nosos mares e nas nosas rías e agradecerlle a concienciación da xenta do mar que vela pola súa economía e pola biodiversidade" sentenciou a conselleira.