A recollida de voluminosos xa está dispoñible de luns a venres en Vilagarcía

Urbaser segue implantando as novidades incluídas no novo contrato, que inclúen a recollida de restos de poda os sábados
Punto Limpo de Vilagarcía. DS
photo_camera Punto Limpo de Vilagarcía. DS

A concesionaria do servizo de recollida de lixo de Vilagarcía, Urbaser, segue implantando as novidades incluídas no novo contrato. Dúas delas, a recollida domiciliaria de voluminosos e a de restos de poda están xa en funcionamento dende hai semanas, con ampliación de días no primeiro caso, e coa estrea da medida no segundo. Tamén o Punto Limpo de Pinar do Rei muda o horario de apertura co obxectivo de acomodalo mellor ás necesidades dos usuarios e facilitar q ue calquera persoa poida facer uso das instalacións. 

A recollida domiciliaria de voluminosos é un dos servizos cuxo funcionamento se adapta en beneficio dos cidadáns e tamén da imaxe da propia vila. A prestación, que antes se realizaba dous días ao mes, faise agora de luns a venres, previa solicitude do interesado. A cita debe concertarse o mesmo día pola mañá chamando ao número de teléfono que viña operando ata o de agora e que se mantén: o 986 50 16 17. Deste xeito, a persoa interesada en desfacerse dun moble vello ou calquera outro residuo de tamaño considerable non ten que telo na casa ata o día sinalado para a recollida, xa que pode desfacerse del calquera día laborable. Así evítase a tentación de algúns de deixar o residuo na rúa en calquera momento, coa mala imaxe que xera a acumulación destes obxectos na vía pública durante días ata a data na que debería pasar o camión.

Urbaser tamén lembra que xa está en funcionamento a recollida domiciliaria de restos de poda. Neste caso, o camión pasará os sábados, previo requirimento por parte do usuario, chamando ao mesmo número de teléfono que para os voluminosos. Por último, o Punto Limpo de Pinar do Rei abre de luns a sábado de 10.00 a 14.00 horas, así como as tardes dos martes, xoves e sábados, de 16 a 20.20 horas. As persoas que desexen contactar con estas instalacións deberán facelo a través do número de teléfono 669 18 73 88.