Ravella reclama á Xunta a conexión entre a senda peonil de Bamio e Carril

Dende o Goberno local insisten que o proxecto inicial que manexa a Consellería deixa un tramo sen dotar de beirarrúas nin medios para protexer aos peóns
PO-192, AO SEU PASO POLO POLÍGONO DE BAMIO. DS
photo_camera A senda peonil de Bamio. DS

O goberno local de Vilagarcía tachou de "burla" que a Xunta de Galicia anuncie que a obra da senda peonil entre Bamio e Carril se licitará "no primeiro semestre do ano" e insisten en que despois de tanto tempo esperando pola actuación, o proxecto non cubre todo o traxecto. O executivo que preside Alberto Varela volve a demandar á Consellería de Infraestruturas que inclúa na actuación a construción de beirarrúas no tramo que queda para enlazar coas xa existentes en Carril e que axilice a súa execución.

Os socialistas critican ao executivo autonómico que "só fale desta obra cando se aveciñan eleccións e logo volvan a metela nun caixón. Xa o fixeron o ano pasado con motivo municipais, fano agora apuntando unha marxe de seis meses para sacalas a licitación, e farano outra vez en verán cando vaian a celebrarse as europeas. Pero o certo é que os veciños de Bamio seguen arriscando a súa integridade cada vez que se desprazan a pé ata Carril".

O executivo que preside Alberto Varela compara esta actuación coas melloras do saneamento que o PP viña anunciando dende o ano 2013 cada vez que se aproximaba unha cita electoral e que, por fin, comezaron en 2023. "Esperemos que coa mellora de seguridade viaria entre Bamio e Carril non tarden outros dez anos, aínda que xa levan tres gastados", apuntan dende Ravella.

Por último, o Goberno local lamenta a forma de actuar da Xunta do PP "castigando sen investimentos ou demorando a súa execución nos concellos nos que non goberna, mentres que nos que son da súa corda, obras similares á de Bamio e con orzamentos moi superiores, se levan a cabo de forma áxil e sen deixar tramos soltos. E non ai que ir tan lonxe para comprobalo".