Ravella mellorará o acceso ao miradoiro da cruz de Xiabre

Os traballos ,que foron adxudicados por importe de 41.128 euros, comezarán en canto mellore o tempo
Mirador de Xiabre en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Miradoiro de Xiabre en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A mellora da accesibilidade ao miradoiro da cruz de Xiabre iniciarase tan pronto como as condicións meteorolóxicas o permitan. Os traballos foron adxudicados á empresa Ecoplanin Xestión e Información Ambiental por importe de 41.128 euros e financiaranse con fondos europeos do plan Next Generation e unha achega municipal. A obra consiste na creación dun sendeiro de pasos nos últimos 320 metros que conducen ata o miradoiro, un terreo que se atopa en moi mal estado debido á forte pendente que presenta e á erosión xerada polas escorrentas de auga, situación que dificultaba en exceso o tránsito das persoas.

Os traballos promovidos pola Concellería de Turismo comezarán tan pronto como deixe de chover e o terreo se atope un pouco máis seco e estable. Será entón cando se poida comezar a habilitar un camiño de xabre compactado de 125 centímetros de ancho e que se sustentará con bordos de madeira tratada. Nos puntos de maior pendente a actuación prevé a instalación de escalas de pasos largos, feitos integramente en madeira. Na mellora utilizaranse materiais naturais e técnicas construtivas respectuosas co medio no que se desenvolve, axustándose ao estipulado no manual para camiños naturais editado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.