Ravella mellora cinco camiños nas zonas rurais de Zamar, Cornazo e Guillán

Os traballos permitiron acondicionar e elevar a seguridade viaria en dous quilómetros da rede viaria ▶ As actuacións estaban incluídas no Plan Municipal de Asfaltados e supuxeron un investimento de 242.000 euros financiados co Plan Concellos
Casa da cultura de Guillán. DS
photo_camera Casa da cultura de Guillán. DS

O Concello de Vilagarcía completou recentemente a execución do Plan Municipal de Asfaltados, unha actuación que incluíu a mellora de cinco camiños situados en Zamar, Cornazo e Guillán, e na que se investiron 242.000 euros financiados a través do Plan Concellos da Deputación. Os traballos permitiron acondicionar e elevar a seguridade viaria nun total de dous quilómetros da rede viaria que, malia emprazarse en lugares da periferia e do rural, discorren por zonas moi urbanizadas e, polo tanto, dan servizo a moita veciñanza.

As obras realizadas na parroquia de Cornazo afectaron aos 775 metros da rúa O Souto que discorren entre a rúa Moreiras e o cruce coa avenida Agustín Romero. En Zamar asfaltouse o traxecto de 185 metros do Camiño Novo. E en Guillán foron tres os camiños que se beneficiaron deste plan: a rúa García Hermo, nun tramo de 970 metros, a rúa Ardinso, ao longo de 90 metros e a travesía García Hermo, noutros 90 metros.

En todos os casos, a maiores da renovación do firme, os proxectos permitiron completar tramos da rede de recollida de pluviais e construír os pozos e imbornais correspondentes, realzar as tapas de rexistro existentes e tamén crear lombos redutores de velocidade nos puntos sinalados pola Policía Local. As obras concluíron co pintado e colocación da corresponden te sinalización horizontal e vertical.

No marco das políticas de dotación e mellora de servizos nas zonas da periferia e do rural, tamén se vén de completar outra das últimas obras proxectadas polo goberno local en materia de saneamento e abastecemento de auga: a ampliación das redes na rúa Rianxeiro, en Cornazo. Financiada a través do Plan Concellos cun orzamento de 29.200 euros, esta actuación permitiu dotar dos servizos básicos a un pequeno número de vivendas de recente construción emprazadas na zona e que ata o de agora carecían deles.