Carril celebra unha esperada Festa da Ameixa tras tres anos de ausencia

Ángeles Vázquez, Raquel Lijó, Pepe Ruíz e José Gallardo foron os principais recoñecidos xunto a Cobre San Rafael, que recibiu a Ameixa de Ouro
Premiados durante este edición da Festa da Ameixa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Premiados durante este edición da Festa da Ameixa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Carril volveu vestirse de gala tres anos despois para celebrar a XXVIII edición da Festa da Ameixa. O evento, que contou cun momento de tensión e polémica pola protesta contra a mina de Touro, permitiu aos veciños gozar dun producto gastronómico con tanta fama como o bivalvo.

A Festa da Ameixa, que tamén supón unha das últimas actividades das Festas de San Roque 2023, recoñeceu, principalmente, a Ángeles Vázquez, Raquel Lijó, Pepe Ruíz e José Gallardo. Ademais, a empresa Cobre San Rafael, contra a que se levou a cabo a protesta, e Venerupisgal S.L foron tamén galardoadas coa Ameixa de Ouro e Prata, respectivamente.

Tanto Raquel Lijó como Ángeles Vázquez foron distinguidas como Donas da Orde da Ameixa. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda considerou o recoñecemento como "unha auténtica honra” xa que lle permitirá exercer de embaixadora dos bivalvos desta zona dentro e fóra de Galicia, contribuíndo así a dar a coñecer un dos grandes referentes do marisco galego.

Neste sentido, a vicepresidenta puxo en valor tamén o esforzo e a dedicación de todas as xeracións de parquistas, mariscadoras e mariscadores que desde hai séculos traballan a ría de Arousa para extraer das súas augas “as mellores ameixas do mundo”. Ademais, Vázquez resaltou a excelente calidade da ameixa de Carril, un produto recoñecido en todo o mundo e que se cría desde hai máis de medio século nesta parroquia de Vilagarcía de Arousa.

Pola súa banda, Pepe Ruíz e José Gallardo recibiron o título de Cabaleiros da Orde da Ameixa. O premio Parquista Xoven recaeu en Pío González Pérez, mentres que Marcial Nogueira Leiro quedouse co Parquista de Honra.

A lectura do pregón correu a cargo do cómico galego Víctor Fábregas e, a continuación, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, que exerceu durante todo o acto o papel de Gran Mestre da Orde da Ameixa, fixo entrega dos premios Ameixa de Ouro e Ameixa de Prata 2023, así como dos distintivos Parquista xoven e Parquista de honra.