Ravella logra a cesión de terreos para un disuasorio nos Duráns e ensanchar un vial

Os convenios xa firmados permitirán gañar 2.337 metros cadrados para uso público fronte ao parque infantil da rúa Aquilino Iglesia Alvariño ▶ O novo aparcamento público contará cunha superficie de 1.750 metros cadrados que se suman ao disuasorio xa existente ao final da mesma rúa

O Concello de Vilagarcía deu luz verde á actuación este luns. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O Concello de Vilagarcía recibe a cesión gratuita dos terreos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

As xestións realizadas nos últimos meses polo goberno local de Vilagarcía para mellorar as infraestruturas no barrio dos Duráns culminaron a semana pasada coa firma de dous convenios que permitirán elevar a seguridade viaria e habilitar un novo aparcamento disuasorio na rúa Aquilino Iglesia Alvariño. Os acordos aos que se chegou coa propiedade da finca situada fronte ao parque infantil dos Duráns, a promotora Promarsa, consiste na cesión gratuíta ao Concello dos terreos necesarios para levar a cabo as actuacións coas que se continuarán mellorando os equipamentos deste céntrico barrio.

Un dos convenios afecta ao primeiro tramo da finca e consiste na cesión dos 109,4 metros cadrados de superficie que permitirán abrir o pescozo de botella que se crea en Aquilino Iglesia xusto antes de chegar ao cruce coa rúa Eduardo Pondal. O límite da propiedade retranquearase ata a aliñación prevista no PXOM, co que se eliminará este punto negro para a circulación rodada e para os peóns, que apenas dispoñían de espazo para transitar si p asaba un vehículo nunha zona que, a máis inri, carece de beirarrúa.

Humanización nas condicións idóneas de seguridade e accesibilidade

Este acordo tamén permitirá ao Concello retomar o proxecto de humanización e mellora da accesibilidade que tiñan previsto desenvolver nese primeiro tramo de Aquilino Iglesia Alvariño que vai dende a rúa Duráns ata Eduardo Pondal. A tramitación desta obra quedou en suspenso en espera a que concluísen as negociacións que permitisen que a actuación se puidera completar nas condicións idóneas, como acontecerá agora ao dispor dos terreos que permitirán ensanchar a rúa neste perigoso estreitamento.

O segundo dos convenios asinados con Promarsa ten dúas partes. A primeira prevé á cesión ao Concello dunha franxa lonxitudinal de 476,35 metros discorre en paralelo ao peche da finca entre os cruces das rúas Eduardo Pondal e Otero Pedrayo. A cesión faise de forma gratuíta e, como no caso anterior, ao entender os propietarios que suporá unha mellora nas condicións do vial e dos equipamentos que beneficiará á veciñanza e propietarios do barrio. De feito, o Concello utilizará os terreos para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria construíndo a beirarrúa da que carece actualmente esta marxe da rúa.

Por último, nesta mesma zona, a propiedade cede a Ravella outros 1.751,65 metros cadrados para habilitar neles un estacionamento público, que se suma ao aberto hai uns anos ao final da mesma rúa Aquilino Iglesia. Neste caso, a cesión para o disuasorio faise por un período de tres anos prorrogables por períodos semellantes.

Os convenios xa asinados coa propiedade foron elevados á Xunta de Goberno Local da semana pasada onde se dou conta dos termos dos acordos.