Ravella aproba o proxecto para por fin á acumulación de auga na rúa Campanario de Bamio

As obras de ampliación da rede de pluviais teñen un custe de 67.000 euros ▶ Previamente, o Goberno local tivo que xestionar o dereito de paso dunha tubaxe por unha finca particular

Rúa Campanario en Bamio. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Rúa Campanario en Bamio. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Xunta de Goberno Local de Vilagarcía de Arousa aprobou na reunión de este luns o proxecto de ampliación da rede de pluviais na rúa Campanario, en Vilar-Bamio. Esta actuación ten como obxectivo a resolución do problema de acumulación de augas que se produce sobre a calzada durante os episodios de precipitacións intensas e que tamén afectaba a algunha vivenda da zona.

Para poder redactar este proxecto o executivo local xestionou previamente o permiso para pasar unha das tubaxes de pluviais por unha propiedade privada co fin de aliviar as augas e encamiñalas cara un regato; un acordo asinado hai quince días cunha propietaria da zona.

As inundacións neste punto da rúa Campanario producíronse a raíz da construción do muro de peche da finca pola que as augas escorrentaban de maneira natural cara o regato e que, ao atoparse coa parede, non atopaban por onde saír. Por iso se acumulaban na calzada chegando a afectar ás propiedades máis próximas.

O proxecto de ampliación da rede de pluviais conta cun orzamento de 67.000 euros e prevé a instalación dos sumidoiros e as canalizacións para recoller as augas que se reconducirán – a través da tubaxe que discorrerá a través da finca para a que xa se ten o dereito de paso- cara a presa do rego que discorre por debaixo da devandita propiedade.