Ravella adxudica a obra de ampliación da rede de pluviais da rúa Campanario

O Concello inviste 62.662 euros na actuación que evitará que as escorrentas de augas pluviais se acumulen sobre a calzada e afecten ás vivendas
Rúa Campanario en Bamio. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Rúa Campanario en Bamio. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os veciños da rúa Campanario verán resoltos os problemas de acumulación de auga que sofre a vía cada vez que chove de forma intensa grazas á adxudicación por parte da Xunta de Goberno á empresa Nemesio Ordóñez da obra de ampliación da rede de pluviais da rúa situada no lugar de Vilar-Bamio. Os traballos contrátanse por 62.662 euros e teñen un prazo de execución de dous meses.

A orixe da problemática que fai necesaria esta actuación está na construción dun muro de peche na finca pola que, ata entón, as augas escorrentaban de maneira natural cara un regato próximo. Ao levantarse o muro, a auga non atopa por onde saír e acumúlanse ao longo e ancho da calzada, converténdoa en intransitable para os peóns e chegando incluso a afectar ás propiedades máis próximas.

Antes de poder acometer a obra, o executivo local tivo que negociar a obtención do permiso para pasar a tubaxe de pluviais por unha finca privada co fin canalizar as augas cara o regato. Tras salvarse este obstáculo, os traballos poderán realizarse de forma inmediata.

O proxecto de ampliación da rede de pluviais prevé a instalación dos sumidoiros e as canalizacións necesarias para recoller as augas que baixan ata a rúa Campanario e reconducilas cara a presa do regato que discorre por debaixo da propiedade para a que se obtivo o dereito de paso.

A obra estará financiada cos remanentes dos orzamentos de 2022.