A piscina municipal abre parcialmente a partir do vindeiro 16 de xaneiro

As instalacións funcionarán mentres duren as obras con horario reducido de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 22.00 horas de luns a venres, e os sábados de 10.00 a 13.00 horas
Infografía Piscina de Fontecarmoa en Vilagarcía. DS
photo_camera Infografía da piscina de Fontecarmoa en Vilagarcía. DS

Os usuarios da piscina municipal Celestino Brianes poderán volver a facer uso das instalacións a partir do martes, 16 de xaneiro, ao confirmarse esta mesma mañá que a saída de emerxencia que faltaba por habilitar estará lista para esa data. Aínda que a reapertura será parcial, xa que non todos os servizos poderán prestarse a pleno rendemento ata que non rematen as obras de reforma dos vestiarios, permitirá que aos abonados poidan retomar a actividade deportiva sen necesidade de desprazarse ás piscinas xestionadas pola concesionaria noutros municipios.

De forma provisional, as instalacións de Fontecarmoa funcionarán cun horario reducido de luns a venres (de 9.00 a 14.00 horas e de 12.00 a 22.00) e os sábados (de 10.00 a 13.00 horas). Como xa se avanzara a semana pasada, a zona de augas funcionará só para o uso libre, xa que non haberá actividades acuáticas dirixidas. Non pasará o mesmo no ximnasio, que estará operativo e a pleno rendemento, tanto no que a sala de máquinas se refire, como as actividades con monitor. A zona do spa non funcionará polo momento.

Para cumprir o compromiso de que o peche durase o menor tempo posible para causar o menor prexuízo aos usuarios e aos traballadores das instalacións, tivéronse que adoptar unha serie de medidas adicionais para garantir os servizos mínimos que requiren este tipo de servizos deportivos. Así, habilitáronse taquillas, cambiadores e duchas provisionais para os usuarios da zona de augas. Os abonados que acudan á sala fitness non disporán de ducha, pero si dunha zona de taquillas onde poder cambiarse. E por suposto, tamén se disporá da saída de emerxencia para dar cumprimento ao plan de evacuación creado para dar cobertura a esta situación provisional.

Dadas as circunstancias, e como xa se dixera hai unha semana, Serviocio manterá conxelada a cota aos seus abonados, que poderán facer uso das instalacións de xeito gratuíto ata que se normalice a situación. Malia todo, deberán reservar previamente a través da app da piscina.