A piscina de Fontecarmoa reabrirá na primeira quincena de xaneiro

A nova medida permitirá compatibilizar o uso das instalacións  co remate das obras
Piscina de Fontecarmoa en Vilagarcía. DP
photo_camera Piscina de Fontecarmoa en Vilagarcía. DP

A piscina municipal de Fontecarmoa reabrirá as súas portas na segunda quincena de xaneiro, unha vez que se habilite a saída de emerxencia que permita compatibilizar o uso das instalacións co remate das obras que se están a levar a cabo nos vestiarios.

A maiores dos traballos realizados no interior do edificio durante o mes de decembro, xa se habilitaron as duchas, as taquillas e os cambiadores provisionais que darán servizo aos usuarios mentres continúan as obras, cuxo prazo de execución remata a finais de febreiro.

Dada esta circunstancia, a piscina só poderá utilizarse para o nado libre, mentres que o ximnasio estará operativo a pleno rendemento, tanto para o uso da sala de máquinas como para as actividades dirixidas.

A data de reapertura decidiuse despois da inspección realizada recentemente polo director de obra e polo coordinador de seguridade, e tras comprobar que para facer compatible o uso das instalacións coa execución da parte da obra pendente, só era necesario habilitar unha saída de emerxencia que permita cumprir co preceptivo plan de evacuación.

Deste xeito, e grazas á colaboracións dos técnicos, de Prace, a empresa adxudicataria da obra, e da concesionaria Serviocio, non será necesario que a piscina permaneza pechada durante os tres meses que durarán as obras, un aspecto no que se traballou a petición do executivo local.