O Pinar do Rei conta con 85 novas árbores

Na iniciativa participaron 47 estudantes de Vilagarcía, preto de 20 axentes forestais e 18 aprendices de capataz
Un momento da iniciativa deste marten en Pinar do Rei. DP
photo_camera Un momento da iniciativa deste marten en Pinar do Rei. DP

Preto de vinte axentes forestais do distrito, dezaoito alumnos da Escola de Capataces Forestais de Lourizán e 47 alumnos de 1º de ESO do CPR Sagrada Familia participaron este martes na plantación de 85 novas árbores na parcela municipal do Pinar do Rei, en Vilagarcía.

A iniciativa partiu do propio colexio filipense, que dende hai uns días vén traballando con alumnado de Secundaria sobre a sustentabilidade medioambiental. De feito, antes da plantación, axentes forestais estiveron nas aulas do centro de Vistalegre para impartir unha formación sobre a pegada de carbon e as causas e consecuencias do cambio climático.

As especies plantadas en Pinar do Rei son bidueiros, madroños, castaños, sobreiras, sequoias, metasequoias, loureiros, sabugueiros e ata un exemplar de ginkgo biloba. Os 85 exemplares, cultivados na Escola de Lourizán, súmanse aos 260 exemplares de tullas que foron plantadas o pasado mes de xaneiro. 

A intención, tal e como trasladou o concelleiro de Medioambiente, Diego García, "é seguir traballando nesta liña, colaborando cos colexios, as comunidades de montes e cos axentes forestais e a escola de capataces de Lourizán". García anunciou que xa se preparan novas actividades de concienciación, "e nese obxectivo os rapaces xogan un papel fundamental", asegurou.

Os rapaces, de 12 anos, non só recibiron información sobre as distintas especies a plantar, tamén das as labores a realizar e o por que das mesmas. Os axentes ensináronlle as técnicas básicas na prevención e extinción de incendios, incluída unha demostración do uso das mangueiras. O alumnado aprendeu sobre o apagado e protección persoal con estas ferramentas. 

O centro, segundo informou a profesora Goretti Fariña, xa plantexa saídas ás praias da Concha e Compostela, onde o pasado curso os nenos e nenas retiraron lixo e debateron sobre a incidencia dos plásticos no medio mariño.