O Parque Miguel Hernández vestirá de Nadal grazas ao alumnado de trece centros educativos

Esta actividade irá dende o luns 12 ata o mércores 14 ▶ Os participantes no Concurso Escolar de Decoración Sostible de Nadal levarán por quendas os adornos que elaboraron nas aulas nas últimas semanas

photo_camera O Parque Miguel Hernández complementará a iluminación navideña de toda a cidade. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

En torno a 270 alumnos e alumnas dos 13 centros educativos que participan este ano no Concurso Escolar de decoración Sostible de Nadal pasarán entre o luns e o mércores polo Parque Miguel Hernández para vestir de Nadal as árbores da zona verde cos traballos que levan realizado nas aulas nas últimas semanas. Os escolares desfilarán por quendas e contarán coa colaboración do persoal municipal para decorar as árbores. En caso de chuvia a actividade mudaría, organizándose no interior do Auditorio unha exposición cos todos os adornos presentados ao certame por cada centro educativo. O concurso convocado pola Concellería de Xuventude ofrece premios en metálico aos mellores traballos.

Os primeiros en amosar os seus adornos serán os alumnos e alumas dos colexios de Rubiáns e do Piñeiriño que acudirán ao Miguel Hernández o luns 12 de decembro entre as 10 e as 11.30 horas, seguidos dos cativos das unitarias de Solobeira e Aralde-Sobrán que o farán de 11.45 a 13.15 horas xunto coa rapazada do centro de Educación especial BATA-Os Mecos. O martes co mesmo horario tocaralle ao alumnado do colexio Arealonga e do Vagalume primeiro e ao da escola unitaria do Vilar-Bamio e do Centro de Educación especial de Marxión, despois. Por último, o mércores asistirán os estudantes dos colexios Rosalía de Castro e da Escardia no primeiro tramo horario e os da Lomba e o Anexo, no segundo.

Un xurado recoñecerá aos tres mellores conxuntos con premios de 300, 200 e 100 euros e tamén haberá un premio popular dotado con 150 euros para decoración máis votada pola cidadanía a través das redes sociais do Concello. Ademais, polo simple feito de participar, todos os centros inscritos recibirán como agasallo un lote de libros por importe de 75 euros.

Na confección dos traballos deben terse utilizado maioritariamente materiais de desfeito que se reciclarán e aos que se lles dará unha segunda vida como adornos de Nadal. Este requisito responde aos obxectivos deste concurso, que busca fomentar o reciclado como recurso educativo e sensibilizar á poboación sobre a problemática dos residuos que xeramos e sobre a importancia da reutilización e a reciclaxe. A iniciativa tamén persegue a participación activa dos nenos e nenas na ambientación dos espazos públicos da cidade nesta época do ano, ademais de promover valores como o traballo en común e a cooperación para acadar un entorno común máis amable e sostible.