Arousa en Bici organiza a súa primeira Papanoelada este domingo polas rúas de Vilagarcía

A marcha partirá dende a zona dos tilos de Rodrigo de Menzoa, ao pé da ciclovía, e collerá un tramo de carril bici cara Vilaxoán
A actividade contribuirá a dinamizar o ambiente de Nadal nas rúas de Vilagacía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A actividade contribuirá a dinamizar o ambiente de Nadal nas rúas de Vilagacía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

As rúas de Vilagarcía acollen este domingo, 11 de decembro, a súa primeira Papanoelada en Bici. Grazas ao evento organizado pola asociación Arousa en Bici, decenas de cicloturistas ataviados como Papá Noel percorrerán a cidade nun divertido e animado paseo que contribuirá a encher ambiente navideño todas as esquinas da vila.

A actividade partirá ás 11.30 horas da mañá dende a zona dos tilos de Rodrigo de Menzoa, ao pé da ciclovía,  para continuar polo paseo García de Caamaño, á beira do río Con, coller cara o Cavadelo e a Avenida da Mariña para xirar no Ramal e dirixirse polo carril bici da TIR e o parque do Centenario cara Vilaxoán por beiramar, dando a volta na zona do Preguntoiro e regresar polo mesmo camiño.

A asociación anima ás persoas que vaian a participar no paseo en bici a acudir ataviadas como Papá Noel ou con algún elemento da vestimenta propia desta personaxe, dos seus elfos, renos ou demais acompañantes. Tal e como lembraron dende o Goberno local, actividades similares a esta celébranse xa en moitas cidades nestas datas en iniciativas que reúnen a afección polos paseos en bicicleta coa diversión e animación propias das festas de Nadal.