O prazo de inscrición para participar na Batalla de Flores de Vilagarcía remata este luns

O Concello dispón aínda dalgunhas prazas libres para todos aqueles rapaces de entre 5 e 15 anos que queiran participar
O edificio do Concello de Vilagarcía de Arousa. DS
photo_camera O edificio do Concello de Vilagarcía de Arousa. DS

O prazo de inscrición para participar na Batalla de Flores das Festas de San Roque a bordo das carrozas remata este luns 7 de agosto. A convocatoria está dirixida á rapazada de 5 a 15 anos de idade e os interesados deben anotarse presentado a solicitude telematicamente a través da sede electrónica do Concello ou de forma presencial no Rexistro Xeral, en horario de 8.30 a 13.45 horas.

A Batalla de Flores, coa que tradicionalmente rematan as festas patronais de San Roque, celébrase este ano o domingo 20 de agosto e o Concello dispón aínda dalgunhas prazas libres. A concellería que dirixe Sonia Outón pon a disposición da rapazada do municipio 42 prazas que se distribuirán en 3 carrozas.

A lista co nome das persoas admitidas publicarase o día 11 de agosto e poderá consultarse no taboleiro de anuncios da web municipal e no da sede electrónica do Concello. No desfile tomarán parte un total de oito carrozas, cinco das cales destínanse a outros tantos colectivos sociais e culturais do municipio.