A tiktoker Virtudes será a encargada de dar o pregón nas Festas de San Roque

A xornalista viguesa María Foscaldo, asentada en Vilagarcía, foi presentada este venres como pregoeira desta edición grazas ao seu papel de 'repugnante' nas redes sociais ▶ Alberto Varela confirmou que o formato da Festa da Auga será igual que o ano pasado, sen camións de Bombeiros

Presentación das Festas de San Roque coa pregoeira e a camiseta oficial. DS
photo_camera Presentación das Festas de San Roque coa pregoeira e a camiseta oficial. DS

O Concello de Vilagarcía desvelou este venres o seu segredo mellor gardado. A xornalista e 'tiktoker' María Foscaldo será a encargada de ler o pregón que dará inicio as Festas de San Roque o venres 11 de agosto desde a Praza de Ravella. A 'repugnante' Virtudes, papel que desenvolve en internet, promete un pregón "moi divertido e animado".

Aínda que naceu en Vigo, MeryFos, tamén coñecida así en redes sociais, vive en Vilagarcía desde fai moitos anos e recoñeceu que é unha "auténtica honra" xa que se considera unha vilagarciá de adopción. A xornalista admitiu que "foi toda unha sorpresa" e que espera "facelo ben aínda que sexa algo novata". Sobre a proposta do Concello, Foscaldo asegurou que "é imposible dicir que non a algo así". 

No acto de presentación das Festas participaron tamén Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía, Sonia Outón, concelleira de Cultura, o músico Josito Porto e o director da Banda de Música de Vilagarcía, Jesús 'Suso' Nogueira.

Varela resaltou o "especial que son estas datas para Vilagarcía" e comentou que serán unhas Festas "para todos", onde se fará fincapé no talento local e nos "espazos para os vilagarciáns". Sobre a pregoeira, o alcalde recoñeceu que é unha "honra para Vilagarcía" o feito de que MeryFos sexa a encargada de facelo.

Nunha liña parecida, a concelleira de Cultura, Sonia Outón, quixo dar valor ao "traballo de moitos meses no apartado máis importante da Concellería de Cultura" e mostrouse orgullosa dunhas Festas "tan bonitas" que contarán con moito "talento de Vilagarcia". Ademais, Outón non se olvidou dos grupos galegos, como Lontreira, e dos artistas nacionais, como Don Patricio e Rayden.

A concelleira tamén quixo resaltar a "gratuidade de todos os eventos de San Roque", que estarán dirixidos a "todos os públicos". Sobre a elección de Virtudes como pregoeira, Outón recoñeceu a intención de "apostar polo mundo virtual" e chegar así a "máis xente nova".

Un dos representantes dos artistas, o músico Josito Porto, agradeceu a invitación do Concello para as Festas de San Roque e deixou clara a súa intención de "gozar xunto aos colegas cos que empecei na música". Porto engadiu que está "encantado de vir a Vilagarcía", un Concello ao que "hai que ir sempre".

En representación do talento local, Suso Nogueira comentou a intención de "unir ca música a Vilagarcía, Vilaxoán e Carril" cun repertorio que contará con moita música galega. O director da Banda afirmou que se trata dun "proxecto ambicioso", co título de Noites de Festa, que permita que a cultura local "creza e se enriqueza".

Para rematar a presentación, Sonia Outón quixo recalcar que se trata dunha Festa de Interese Turístico Nacional, que se recupera a Festa da Ameixa, que se apostará tamén polas tres orquestras contratadas e presentou a camiseta oficial feita por Pablo Patiño Moledo.

Festa da auga sen camións de Bombeiros

Alberto Varela tamén confirmou que o formato da Festa da Auga será igual ao do ano pasado, é dicir, sen camións de Bombeiros que disparen auga. Os motivos desta decisión recaen na "volta aos orixes da Festa" para que "as familias se divirtan cos cubos de auga", algo que "funcionou moi ben o ano pasado". "Este é o camiño a seguir desta Festa", pechou o alcalde.