Cortegada respira natureza na presentación de Miss Marte de Manuel Jabois

O polifacético escritor e xornalista volta a casa co motivo da cita 'Vilagarcía, Cidade de libro', no que amosou unhas pinceladas da que é a súa última novela

Manuel Jabois presenta su nueva novela Miss Marte en la Isla de Cortegada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Manuel Jabois durante la presentación de su nueva novela Miss Marte en la Isla de Cortegada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A expedición procedente do peirao de Carril chegaba ó islote dividida en varios grupos pouco antes das 17.30 horas. Despois de dispor o espazo destinado para o acto comezou a presentación nun escenario rodeado de natureza que o propio Jabois definiu como “un sitio moi especial” logo de ter presentado libros “nunha cárcere”, algo que para o escritor “non ten nin punto de comparación” coa illa arousana.

Unha vez situados nos seus postos de coloquio, presentouse ó xornalista coas seguintes verbas: “como dixo Alfonso Guerra, non se pode presentar é impresentable, dixo de alguén algunha vez. Non é o caso. Manuel Jabois Sueiro, alias o Recho (polo seu avó). Sanxenxo, 1978, que empezou o seu oficio de xornalista en Diario de Pontevedra, e como di o seu admirado Julio Camba, decidiu irse a Madrid”.

E foi para a capital para, entre outras moitas cousas, escribir e contar historias como a de Miss Marte, protagonista do evento por ser un libro que parte da morriña dun pobo ficticio, Xaxebe, “alcumado así en referencia ao mal xeito de nomear a Sanxenxo”, e que conta a aventura de Mai Lavinia, unha “atractiva moza cun punto de misterio, instalada neste punto de Galicia, e da que ninguén sabe de onde procede”.

Trátase da última novela, que non o seu último libro, xa que hai unha colección de artigos moi recente nomeada Hay más cuernos en un buenas noches. Unha novela que nace “dunha historia que unha xornalista lle contou” á moza do autor, e unha peza na que “o primeiro parágrafo escrito non se atopa no resultado final”. Ante a atenta mirada de varias decenas de espectadores, Jabois e o seu presentador non quixeron debullar máis da obra co fin de que os interesados continúen a historia adquirindo o propio libro.