Persoas maiores organiza dúas saídas en galeón para vilagarciáns de máis de 65 anos

As excursións serán o sábado 15 de setembro pola tarde, de balde, e disponse de 18 prazas
Galeón Cortegada. DP
photo_camera Galeón Cortegada. DP

A Área de Persoas Maiores volve á ofrecer aos vilagarciáns de 65 anos en diante a posibilidade de participar no programa turístico e medioambiental das rutas en galeón. O Concello organiza dúas travesías a realizar o sábado 15 de setembro pola tarde e que serán de balde para os asistentes. Dada a limitada capacidade da embarcación, ofértanse 18 prazas, nove en cada unha das viaxes que sairán do peirao de pasaxeiros de Vilagarcía ás 16.00 e ás 18.00 horas, respectivamente. Os interesados deberán anotarse previamente, para o cal terán que dirixirse ás dependencias da Concellería os días 6, 7 e 8 en horario de 9.00 a 13.00 horas.

As inscricións serán individuais. O único requisito para poder anotarse, ademais do da idade, e é estar empadroado en Vilagarcía. De rexistrarse máis demanda que prazas dispoñibles, estas asignaranse mediante un sorteo a realizar o día 12. O resultado do mesmo comunicarase telefonicamente aos interesados.

Esta iniciativa complementa o programa gratuíto das travesías turísticas en galeón que o Concello organiza xa dende hai anos a través dun convenio coa asociación Rompetimóns de Carril, propietaria da embarcación construída, tamén con axuda municipal, collendo como modelo un antigo galeón de mercancías que navegaba a ría a principios do século pasado. Ademais de dar a coñecer estas circunstancias, as excursións permiten coñecer a riqueza paisaxística e produtiva da ría de Arousa e tamén o valor da illa de Cortegada dende o punto de vista natural.