Luis López destaca en Vilagarcía o labor de Castes na promoción do viño e do enoturismo

▶ O presidente da Deputación reafirmou a aposta do organismo provincial polo turismo durante a súa participación na gala de entrega de premios
O presidente da Deputación durante a entrega de premios. DS
photo_camera O presidente da Deputación durante a entrega de premios. DS

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou durante a gala de entrega de premios Castes do Viño, incluída no programa de actos da Feira Independente do Viño que se celebra na Praza de Abastos do Concello de Vilagarcía, o labor que realiza esta entidade en favor da promoción do viño e do enoturismo na provincia de Pontevedra. Neste sentido, trátase dunha feira consolidada que sitúa a Vilagarcía como punto de encontro para amantes do viño e dos produtores de dentro e fóra da provincia.

Segundo remarcou López durante a súa intervención, que tivo lugar durante a xornada do sábado, o turismo é unha das apostas estratéxicas do Goberno provincial. Así o reflexa, segundo explicou o presidente, o recentemente aprobado Orzamento da Deputación, no que a partida destinada a esta área medra ata os 5,6 millóns de euros. Neste sentido, Luis López afirmou que o enoturismo é un dos piares a potenciar para que o destino Rías Baixas vaia a máis. "Hai moito do que desfrutar nas Rías Baixas, pero sen dúbida o viño é do mellor que podemos ofrecer aos nosos visitantes. E non falamos só dunha botella, falamos dunha experiencia. De coñecer os nosos viñedos de cepas centenarias e ampla variedade de uvas, de descubrir as nosas bodegas, de coñecer aos nosos produtores que durante xeracións producían un viño artesanal e, en definitiva, de desfrutar da nosa gastronomía regada cos nosos viños", remarcou o dirixente provincial.

Para conseguir ese obxectivo de potenciar un turismo sustentable e desestacionalizado na provincia de Pontevedra, lembrou o presidente López que a Deputación traballa na aprobación dun Plan Estratéxico de Turismo, que os datos chegarán ao Observatorio de Turismo en tempo real co selo de calidade dos técnicos de Turismo Rías Baixas e a oficialidade estatística do INE e que a cooperación coas entidades e profesionais do sector será unha constante. 

Por último, López sinalou que o turismo de Pontevedra aínda pode a ir a máis se se tenden pontes co tecido empresarial e asociativo, coas administracións e co resto do mundo a partir da divulgación dos mellores produtos da provincia.

Durante a gala de entrega de premios da VI edición de Castes, recoñeceuse ao Mellor Viño Tinto, ao Mellor Viño Blanco, á Mellor Elaboración Especial e ao Mellor Espumoso nun acto que se levou a cabo no Salón García, que foi precedido do Slow Wine Forum 2023.

MÁIS ACTIVIDADES. Aínda que as xornadas comezaron xa o pasado 8 de novembro, este domingo tiveron lugar outros actos centrais desta edición, como foron o Aberto Internacional de Cata 2023, a Aula Castes, a lectura do manifesto e o Castes Fest.

O vindeiro 25 de novembro, de 12.00 a 16.00 horas, a Praza de Abastos de Vilagarcía volverá acoller un novo acto, co Túnel do  Viño, que se repetirá o vindeiro 2 de decembro á mesma hora e no mesmo lugar para pechar definitivamente esta edición.