Agustín Reguera sinala o sector vinícola galego como "exemplo de mimo e calidade"

O delegado territorial visitou na mañá deste martes a bodega de Agro de Bazán onde destacou o apoio da Xunta á viticultura
Agustín Reguera e Gonzalo Durán duranta a súa visita ás bodegas Agro de Bazán en Vilanova. DS
photo_camera Agustín Reguera e Gonzalo Durán duranta a súa visita ás bodegas Agro de Bazán en Vilanova. DS

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou namañá deste martes as bodegas de Agro de Bazán, en Vilanova de Arousa, onde está a rematar a vendima deste 2023. 

Durante a visita, o delegado observou o proceso de colleita e tratamento destes viños D.O Rías Baixas, unha denominación de orixe que no ano pasado asinou a terceira vendima máis abundante da súa historia, con 41 millóns de quilos de uva, e que este ano espera superar.

Reguera destacou a gran calidade dos viños Rías Baixas en particular e dos viños galegos en xeral que “cada vez máis, están a conquistar os mercados estranxeiros e que son un reflexo do mimo e da calidade dos produtos galegos”.  Neste sentido, dende a bodega Agro de Bazán confirman que no pasado exercicio a exportación supuxo preto do 33% da súa facturación, sendo que 1,1 millóns de euros corresponden a vendas no estranxeiro. Ademais, esperan que esa porcentaxe aumente ata o 40% durante este ano. 

O delegado lembrou o gran impacto que ten este sector na economía galega e, “moi especialmente, na economía desta provincia”. Reguera destacou o gran compromiso da Xunta con este sector, como demostran os case tres millóns de euros que a Xunta investiu na área territorial de Pontevedra no 2022. “É un símbolo de Galicia e é unha actividade económica e cultural de gran importancia. O sector vinícola hai moitos anos que traspasou a súa vertente puramente gastronómica e hoxe é tamén un atractivo turístico que atrae a moitos visitantes á nosa comunidade autónoma e que pon a Galicia na mesa de millares de familias en todo o mundo”.