O Hospital do Salnés contará este ano cun novo equipo de TAC de última xeración

A súa instalación comezará a vindeira semana, sendo o primeiro equipo que se instale na Área Sanitaria dentro do programa de renovación de Alta Tecnoloxía de equipamento electromédico do Plan INVEAT ▶ Durante catro semanas disporáse dun operativo alternativo de continuidade asistencial para a realización desta proba no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra
Hospital Salnés Vilagarcía. SAMUEL CARDALDA
photo_camera Hospital Salnés Vilagarcía. SAMUEL CARDALDA

O Hospital comarcal do Salnés contará, antes de final deste ano 2022, cun novo equipo de tomografía axial computerizada -TAC-. A devandita nova aparataxe, que comezará a súa instalación a vindeira semana, ten como obxectivo a renovar a alta tecnoloxía xa dispoñible neste centro hospitalario arousán, que xa contaba cun tempo de actividade operativa superior aos 10 anos.

O novo TAC do Hospital comarcal do Salnés vai ser o primeiro equipo que se instale na Área Sanitaria dentro do programa de renovación de Alta Tecnoloxía de equipamento electromédico do plan de inversión en equipos de alta tecnoloxía sanitaria no sistema nacional de saúde. Durante o período de instalación no hospital arousán, de aproximadamente catro semanas, disporáse dun operativo alternativo de continuidade asistencial para a realización de este tipo de probas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

O equipo, que incorpora tecnoloxías de última xeneración, ten moitas capacidades clínicas e unha redución de dose de radiación de ata un 82 por cento. Ademais, este equipo de tomografía axial computerizada incorpora unha tecnoloxía exclusiva de posicionamento do paciente baseado en intelixencia artificial. O devandito sistema mellora os tempos de traballo dos profesionais e aumenta a calidade da resolución dos estudos.

Equipo con novas aplicacións clínicas

Esta incorporación permitirá aplicacións clínicas que non presentaba o TAC anterior, como é a posibilidade de efectuar estudos cardíacos, estudos de perfusión cerebral para o Código Ictus, e a realización de puncións, biopsias e drenaxes. 

Tamén dispórá dun sistema de nova xeración baseado en tecnoloxía de intelixencia artificial, que optimiza o fluxo de traballo para mellorar a facilidade de uso, incrementando a adquisición de imaxes e sistemas postprocesado, o que lle permitirá unha maior precisión nos estudos diagnósticos.