A instalación de balizas nas xardineiras mellorará a iluminación da Alameda

As copas dos plátanos e a distancia entre os farois do borde da rúa acentúan a sensación de escuridade no espazo peonil e das terrazas da hostalaría
Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía vén de investir 10.300 euros na adquisición de dous modelos de balizas luminosas destinadas a mellorar as condicións de visibilidade nocturna na zona da Alameda e a repoñer os elementos rotos do acceso ao Castro Alobre. A primeira das actuacións ten como obxectivo reducir a escuridade xerada na zona de terrazas do tramo peonil da avenida da Mariña debido á copa das árbores e á distancia que existe ata os farois situados ao borde da rúa, situación que se acentúa ao pechar os establecementos.

Para mellorar as condicións de visibilidade nocturna -especialmente na época de outono e inverno, cando anoitece moito antes- e para evitar a sensación de inseguridade que xeran as zonas escuras, o servizo de Electricidade do Concello instalará un total de 10 balizas led nas xardineiras situadas a medio camiño entre as terrazas e a zona de paseo.

Na última adquisición de material tamén se incluíron outras sete balizas empotrables para repoñer os puntos de luz que sinalizaban e iluminaban o acceso ao Castro Alobre dende Vista Alegre, e que foron obxecto de actos vandálicos.

Rematada e recibida a instalación de 515 puntos de luz a través do IDEA

Por outro lado, esta semana cumpriuse o trámite de recepción da obra de substitución de 515 puntos de luz convencionais por outros tantos led en distintas rúas do centro urbano. A actuación exe cutouse nos últimos meses no marco do Programa Operativo Sostible da Deputación de Pontevedra, financiado con fondos europeos a través do Instituto para a Diversificación (IDAE). Este novo proxecto de paso á tecnoloxía led supón un aforro enerxético do 84% respecto ao consumo eléctrico que se viña rexistrando coa iluminación convencional.