Fuxen tras agredir e deixar inconsciente a un home en Vilagarcía

▶ As testemuñas non deron identificado aos agresores pero os feitos foron gravados por unha cámara de seguridade, polo que se dispón da descrición dos dous implicados
Policía Local de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Policía Local de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Catro detidos e unha investigación aberta para dar con dous homes implicados nunha pelexa na zona do Castro. Esta pelexa acontecida na Praza Martín Gómez Abal sobre as dúas da madrugada saldouse cun home inconsciente. Ao chegar a Policía Local e a Nacional só se atoparon co home ferido na cabeza e inconsciente, que estaba a ser atendido polos dous homes que deron parte do incidente e unha muller que non se identificou. 

As persoas implicadas fuxiron e as testemuñas non os deron identificado. Os axentes accederon a unha cámara de seguridade, polo que dispoñen da descrición e estanse a facer as investigacións necesarias para conseguir dar cos agresores. 

Segundo as testemuñas o home agredido, nun primeiro momento incorporouse e sentouse pero uns minutos despois caeu e quedou inconsciente, sen responder a ningún estímulo e cun tremor na man. Nestas mesmas condicións atopouno a ambulancia, que o trasladou ao Hospital do Salnés. 

A poucos metros do ferido a Policía dou cun sobre con algo que semellaba marihuana, un chisqueiro, un teléfono móbil e o DNI da vítima polo que pudo ser identificada.

OUTROS SUCESOS. A Policia Local tamén foi requerida o sábado pola tarde pola denuncia de agresión a un menor preto da glorieta que une as rúas Doutor Tourón e Vista Alegre. A vítima explicou que ía con catro amigos cando un home maior que levaba unha cadea ameazounos e insultou a unha rapaza. O grupo botouse para atrás quedando a vítima quieta, sen facer caso ao agresor, dou a volta e o home golpeouno coa cadea. O agresor foi detido e responde as iniciais J.R.S.P.

Outro dos lugares onde se requeriu á Policía Local e Nacional foi no PAC de San Roque despois de que dúas persoas entraran dando golpes e gritos. Foi o propio persoal do centro quen avisou de que estaban pechados na zona de boxes Un deles foi recoñecido por unha das sanitarias por crear incidentes deste tipo no Hospital do Salnés. 

Esta persoa, que foi o primeiro dos detidos, R.P.J. de 28 anos, encarouse e tratou de agredir aos axentes, ademais de opoñer resistencia á detención. A segunda detida foi unha muller, que respnde as iniciais O.J.O., que para impedir a detención do home propinándolle unha patada  na cara a un axente e varios golpes a outros dous. A actitude violenta seguiu cando intentaban sacalos do centro: o home rompeu parte do vidro da porta e a muller arremeteu patadas contra o vehículo policial. Antes de ser trasladados aos calabozos da Comisaría, tanto os detidos como os axentes foron atendidos polos profesionais do ambulatorio. 

A última detención foi a dun home de 47 anos, M.A.G.G., acusado de malos tratos no ámbito familiar. Foi  a súa parella quen chamou a Policía e confesou que ese día non lle agredira pero que si o fixera outras veces.